Un caldo de gloria para celebrar a Rosalía de Castro

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

Pepe Solla cociñará a receita do poema da escritora dentro dos actos que conmemoran o seu 181.º aniversario

14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un caldo, un prato emblemático da gastronomía galega, para honrar á súa escritora por excelencia, Rosalía de Castro. Pero non un caldo calquera: «Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar, / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar». Así o describe a autora no poema Miña casiña, meu lar, e con este espírito a fundación e o museo que levan o seu nome volven organizar, por segundo ano consecutivo, o caldo de gloria co que lembrar a Rosalía o vindeiro día 24, cando se fan 181 anos do seu nacemento. Ese día celebrarase tamén un acto institucional na capela do Hostal dos Reis Católicos, onde Rosalía foi bautizada, e outro máis en Padrón, onde se servirá o caldo cociñado para a ocasión por Pepe Solla. O cociñeiro contará para os bolos do pote con tres das mulleres responsables desta festa en Mazaricos, Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas.

Ademais, todos os locais de hostalaría de Padrón secundan a iniciativa e servirán o caldo, xunto con outros máis espallados por Galicia e outras cidades no mundo onde hai presenza galega. A proposta, coa que colaboran Galicia Calidade e El Corte Inglés, inclúe outros concellos, e estenderase tamén aos menús escolares de varios centros educativos.

E para que quen queira poida sumarse á festa, a Fundación Rosalía convida a preparalo na casa, seguindo a receita de Picadillo, para quen o prato a base de auga, sal, unto e verzas, co bolo do pote, constitúe o verdadeiro caldo enxebre. Ese que, segundo o refraneiro galego, conforma «a raíz do corpo». Para Rosalía era, ademais, un xeito acaído de retratar a unha muller humilde no seu fogar e o relato dunha supervivencia diaria non exenta de épica.