Manuela Varela: «Enriba do escenario estás a vivir a realidade doutro ser»

Pablo Gómez Cundíns
PABLO GÓMEZ A CORUÑA

A CORUÑA

Manuela Varela
Manuela Varela MARCOS MÍGUEZ

Comparte un emotivo balance da súa dilatada traxectoria e afronta de face os tópicos que retratan a súa vocacional e mítica profesión

08 mar 2017 . Actualizado a las 19:55 h.

Tablas ten Manuela Varela (San Sebastián, 1978, filla de emigrantes galegos). Sete presenzas en televisión, seis curtas, quince obras de teatro, seis papeis infantís e outros tantos de monicreques, e protagonista dunha exposición sobre a súa traxectoria. Agora, esta dinamizadora da escea na comarca, desenvólvese en Estado de Graza (Teatro do Noroeste) por toda Galicia.

-Unha profesión na que a verba sorte da mal fado.

-Adícome ao teatro porque me sube a adrenalina ata a adicción cando me subo a un escenario, emocionalmente me expreso con todo o meu ser, porque me fixo descubrir cousas do meu interior incribles, boas e terroríficas, levándome ao extremo da emoción, porque xogo e pelexo, as personaxes tenden a ser máis extremas no teatro, e dase a relación directa co espectador, producíndose unha enerxía entre todos. Preciso do teatro na miña vida. Sen el, sería moi triste e gris.

-¿Que relación mantén coas personaxes?

-Tópico ou non, eu son tímida, ata teño un tic, pero enriba do escenario estás a vivir a realidade doutro ser, aínda que podo mirar ao público e mesmo distiguir a fulano, a mengana... Pero o que me levo a casa non son personaxes, senón traballo, textos.

-¿Chéganse a confundir a realidades?

-Non, claro. Aínda que sempre traballo partindo da verdade, a emocional e a verosimiltude co que acontece. O público ten que identificarse e pensar que iso é posible. Se ti mesmo non o cres, notase moito. Unha vez fun a clase da miña sobriña en Culleredo a falar da miña profesión de actriz. Os rapaces estaban avisados, pero fun vestida de duende do bosque. Ao final dixeron que fora un duende e non a tía de Iria.

-Vostede fixo teatro pra nenos.

-É moi importante. Ten un aspecto educacional. En África o empregan para educar e concienciar sobre a sida ou a ablación. Eu mesma descubrín así a miña vocación con cinco anos. A mestra dábanos leccións cun monicreque nun teatrillo. Créanse relacións socias, compromisos, responsabilidades... o teatro infantil tería que ser unha asignatura.

-¿Algunha vez non tivo que actuar enriba dun escenario?

-Todos temos distintos perfís. É propio do ser humano, é supervivencia. Non constrúo unha personaxe diferente a min, aínda que si imaxino estratexias de actuación.

-¿Con que se queda tras unha vida enteira actuando?

-Coas experiencias. Unha está emocionalmente exposta e fálase moito de sentimentos. Ten que darse un consenso co director. Se se dá, é un gusto, aínda que se faga o drama máis triste imaxinable. Con todo, téñolle un cariño especial á personaxe de Frida [o festival iberoamericano de Mar del Plata 2009 premioulle como mellor actriz protagonista].

-¿Compromiso ou ocio?

-Por suposto, tamén é entretemento. Contamos historias. Trátase de que o público conecte coa obra. Pero entreter non significa diversión. Podes estar moi entretido cunha traxedia grega ou con algo que produza noxo ou atente coa túa moral. O teatro representa á sociedade e somos moitos nela.

-¿Emigrar para actuar?

-Nunca foi unha opción para min, salvo de xeito puntual. Hai moitos anos, cando tiña vinte, se me deu a oportunidade de ir fóra, fun e mirei ao redor. Estiven un tempo e tiven morriña. Como aquí non estou en ningures. Aproveito a experiencia todo o que podo e despois volvo á miña casa, onde hai calor, e danme mimiños. Tanto en A Coruña como na comarca hai espazos e interese polo teatro. Un motivo máis para non querer marchar. É o que penso agora. Non sei que pasará nuns anos.

-¿Qué opina do microteatro?

-Teño amor e odio por ese formato. Fixen microteatro e disfruteino moito. Unha sala con quince espectadores. Míralos, podes tocalos. A fraxilidade do actor está a menos de catro metros do espectador. É xenial. Pero facerlle a festa aos que non lles gosta o aspecto crítico do teatro e nos van botando deles non é o que eu quero. O microteatro gústame como complemento do teatro, pero non como alternativa. Por estar en crise, o teatro ten moito que contar, e de xeitos moi innovadores.

-Outro tópico: vostede ten tres traballos simultáneos.

-Moitos actores en escena son moitos soldos. No canto de formarte e crecer como actriz entre traballo e traballo veste na obriga de traballar noutros eidos, ás veces incompatibles. Teño compañeiros que se viron na obriga de abandonar a súa profesión. Non é xusto. A nosa vida é inestable. Deste xeito, vólvese precaria. Somos moi fráxiles. Temos que facernos visibles, e precisamos axuda, máis aínda en Galicia.