As orixes do cómic galego

La Voz

A CORUÑA

. César Quian< / span>

Onte inaugurouse unha mostra que recupera os orixinais dos pioneiros da banda deseñada nos anos setenta

18 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Comisariada por Xulio Carballo, que fixo a súa tese doutoral sobre os pioneiros da banda deseñada galega nos setenta, e dirixida polo debuxante Manel Cráneo, a exposición BDG70: A revolta do cómic galego recupera a historia dos valentes que, nos escuros estertores da ditadura, arriscaron e apostaron por unha linguaxe entón nova que derivaría co tempo na actual escena da banda deseñada de Galicia.

A exposición, que conta co apoio da Deputación e da Universidade, mostra orixinais cedidos polo Museo do Humor de Fene, a Real Academia Galega e o Museo Carlos Maside, «ademais de materiais que levan ocultos nun faiado dende fai décadas», conta Cráneo.

A través de diferentes seccións repásase a década dos setenta con publicacións como A Cova das Xoias, «que imprimiuse en Xenebra e se distribuíuse clandestinamente», destaca o director. Hai exemplos tamén do contido de denuncia e reivindicativo da época, como o que facía o colectivo O Castro, no que estaban os fillos de Díaz Pardo: «Era un cómic antiautoritario, clandestino, e foron os primeiros en facer unha exposición de cómic en Galicia, precisamente neste mesmo edificio, hai 43 anos», lembra Cráneo.

A mostra pasa pola revista Vagalume, primeira de cómics en galego, «moi ao estilo Bruguera, editada no ano 75, polo que tiñan que pasar a censura viñeta por viñeta»; e remata coa revista Xofre, onde xa publicaba un novo Miguelanxo Prado, cunha especial parada na figura de Reimundo Patiño, autor fundamental cunha linguaxe pictórica, auténtico pioneiro do cómic galego.