«É o momento máis difícil desde que son do partido, que son case 40 anos»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

A exparlamentaria e exconcelleira xubílase mañá no Centro de Orientación Familiar onde leva desde a súa apertura

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fala sentada ao sol do outono. Nun banco, diante da Audiencia Provincial da Coruña. Alí acaba de participar, unha vez máis, nunha concentración en defensa das mulleres. Os seus cabelos prateados alumean case 40 anos de socialismo, de compromiso coa xente. Marián Ferreiro (Lourenzá, 1951) xubilase mañá.

-¿Canto tempo leva no Centro de Orientación Familiar?

-Desde 1983, cando se montou. Fun do primeiro equipo. Eramos unha traballadora social, unha psicóloga, un enfermeiro, un xinecólogo e eu. Foi un labor de moitos anos, un traballo que para min foi un pracer. Fixemos un labor de equipo estupendo. Mulleres e homes que pasaron polo centro creo que o recoñecen e iso é moi importante, aínda que é un servizo que non é moi coñecido na Coruña.

-¿Xa era concelleira?

-Non. Eu entrei no 1983 no centro e fun concelleira no 1990. Estiven nove anos e aí tiven que deixar o traballo no COF porque era funcionaria do Concello. Despois, unha vez que me cesaron no Concello, pois volvín a traballar.

-¿Non se foi voluntariamente?

-¡Non, non, non! Foi un cese con todas as da lei, con motorista e todo. Evidentemente, eu estaba no despacho e non puido entrar a moto pero o motorista entrou coa carta de cese. Aínda hoxe non sei moi ben por que. Supoño que alguén se sentiu ameazado, aínda que nunca se me houbera ocorrido facer algo contrario ao goberno no que estabamos, pero bueno... Tempos pasados.

-Estando no Centro de Orientación Familiar, ¿non podería orientar ás familias do PSOE?

-[Risas] A verdade é que faría moitísima falta. Creo que non son familias exactamente: son diverxencias en canto a procedementos a utilizar e o que se necesita é un consenso por encima de todo. ¡Somos capaces! Este partido ten moitos anos e ten que chegar a un acordo. Vai custar moito, pero xa superamos outras cousas difíciles.

-¿É o momento máis complicado da historia do PSOE?

-Si, o máis difícil desde que eu formo parte do partido, que son case 40 anos; a situación máis difícil que eu vivín directamente.

-¿E aquilo do «guerrismo» e o «felipismo» do que tanto se falaba na súa época?

-Isto non ten nada que ver, polo menos desde a miña visión. Eu non estaba cerca de Guerra nin de Felipe. Agora o problema é grave e creo que así o debemos de valorar, de analizar e de resolver. Se poñemos vendas non se resolven os problemas e hoxe en día a xente quere que se resolvan os problemas, que non andemos en liortas e, polo tanto, se temos cinco dedos de fronte, temos que resolvelo e poñer por encima de todos os intereses persoais os intereses públicos. Os cidadáns esíxenos iso.

-¿Cal é o seu mellor recordo?

-A nivel político o que fixemos coa atención das persoas con discapacidade que estaban nesta cidades sen ningún recurso, moitos deles e delas na casa, sen ter ningunha actividade, vendo a tele... Cando puxemos servizos ao seu dispor foi algo sumamente importante para eles e para min foi moi satisfactorio porque ves, en concreto, un servizo que funciona e que é algo que a xente necesita. Esta é unha cousa que non me pasou no Parlamento porque como o PP tiña maioría absoluta dábanlle igual as interpelacións que fixeramos, non facía nin caso. Iso doíame moito: non me gusta porque estás representando uns sectores que teñen unhas necesidades e que iso non se vexa plasmado, ou que che digan que se vai facer e despois non se fai, a min decepcionábame.

«Xubílome do traballo e xubílome tamén da política; xa fixen o que tiña que facer»

Marián Ferreiro ten moi claro o que va facer agora: «Pois descansar. Xubílome do traballo e xubílome tamén da política... Creo que eu xa fixen o que tiña que facer e agora tócalles a outros. Eu necesito descansar. Foron moitos anos de traballo, moi intensos e en distintos frontes e, polo tanto, agora teño que apousar e facer aquilo que quero facer, outras cousas... De forma voluntaria, non obrigatoria».

-¿Por exemplo?

-Pois vou facer fotografía, que me gusta moito. Teño que facer exercicio físico que tampouco fixen moito esta tempada. Teño moito para ler. Ir ao cine, ao teatro, saír coas amigas e, sobre todo, dedicarlle a miña familia un tempo que non lle dediquei todos estes anos.

-E sempre reivindicando...

-Si, sobre todo temas da muller e de sanidade, e no mesmo partido cando pedíamos a participación do 25 % das mulleres. Mira onde estamos agora e daquela as que tivemos que oír, tachábannos de tolas e non sei cantas cousas máis. Foi unha etapa durilla. Pois agora avanzouse bastante, aínda que faltan cousas. Traballei tamén a nivel sindical e nas asociacións. Foron moitas cousas durante moitos anos. Agora toca descansar. E animar aos xoves para que collan o relevo da nosa xeración, que xa non podemos facer máis.

-¿É certo que os mozos son menos loitadores?

-Si, eu vexo así. Evidentemente tiveron unhas circunstancias distintas e encontraron con moitas cousas feitas que xa se conseguiran, pero teñen que seguir loitando por outras moitas, e máis agora que estamos vivindo recortes de dereitos, de inseguridade, de falta de traballo... Son outras circunstancias e polo tanto as reivindicacións son outras e teñen que seguir senón esta sociedade non pode cambiar.