«O máis frustrante disto é non poder resolver problemas dun día para outro»
A CORUÑA
«O 90 % das decisións dos partidos obedecen a cuestións persoais, de egos, non do ben común», sostén
22 may 2016 . Actualizado a las 16:41 h.Cúmprese pasado mañá un ano desde as pasadas eleccións municipais, as mesmas que levaron á Marea ao goberno local, grazas ao apoio do PSOE na investidura, e a Xulio Ferreiro a converterse en alcalde da cidade. O rexedor fai balance do percorrido ata o momento. «Foi duro, puxemos moitas horas, moitos desgustos, pero ao final sentes orgullo e unha moderada satisfacción polos resultados que vas conseguindo», di.
-Pasou o 25 % do mandato. ¿Que porcentaxe do seu programa teñen cumprido neste primeiro ano?
-Un 30 % xa está cumprido, o 50 % está en marcha e creo que só hai un 10-15 de medidas sobre as que aínda non nos puxemos a traballar.
-¿Que é o que dá por cumprido?
-Por exemplo a laicidade nas institucións, o cumprimento da Lei da Memoria Histórica, iniciar os procesos de participación co Dillo ti, A Porta Aberta e o Escano Cidadán. Outras cousas están a piques, o mes que vén teremos o portal de transparencia activo e lanzaremos o proceso de orzamentos de participación para o 2017 a vindeira semana... Hai cousas en marcha e outras que iniciamos e son máis complexas, como planeamentos urbanísticos.
-¿Que hai nese 20 % pendente?
- Creo que na Caixa da Memoria aínda non nos puxemos a traballar, pero quedan tres anos.
-Desde a oposición critícase que o que non hai son obras.
-Se o luns se aproba o orzamento hai un montón de obras previstas. Houbo que parar cousas porque había irregularidades, como na praza de Catro Camiños. No mercado de Monte Alto o proxecto non solucionaba a accesibilidade. O concurso de ideas para ese espazo vai saír este mes e tamén hai actuacións previstas na praza de San Pablo.
-Vostede fixo bandeira da transparencia e da participación. ¿En que mellorou o Concello neses ámbitos?
-Hai canles que nunca houbera, coma a Porta Aberta para redefinir os distritos e o Escano Cidadán, temos xente que fala nos plenos, iso antes nunca pasara. Mesmo para criticar ao goberno a xente ten a oportunidade de vir a facelo e antes non a tiña nin de levar unha camiseta entre o público. E o Dillo Ti. É un instrumento esixente, complicado, porque un nunca sabe que tema vai saír, pero creo que é algo que a xente está agradecendo, e a asistencia é importante.
-Vostede non tiña experiencia política antes de chegar á alcaldía. ¿Cambiou a súa visión desde dentro, a súa forma de pensar con respecto ao que esixía antes de entrar na alcaldía?
-Os pedagogos chamanlle a isto learning by doing, ao mesmo tempo que vas facendo vas aprendendo. É normal. Nós non tivemos a aprendizaxe previa de ter pasado pola oposición, xa non digo de xestionar. Os votos que tivemos non foron casualidade, había o desexo de que os de sempre non seguisen aí. En canto á visión que tiña e que teño da política, un xa sabía que as cousas eran malas, pero cando chega e se relaciona cos outros grupos ve que son peores aínda do que pensaba. Sempre pensei que o ben común estaba detrás de moitas decisións que se tomaban, pero aquí un se atopa con que o 90 % das decisións dos partidos políticos non teñen nada que ver co ben común senón con cuestións persoais, de egos, de rivalidades, de pura supervivencia política, que se pensa máis para dentro do partido que para fóra, cara á xente.
-Houbo problemas como os desafiuzamentos, o chabolismo ou o paro, que semella que desapareceron da axenda desde as eleccións.
-Nunca se pensou en abordalos dun día para outro. Nos desafiuzamentos comprometémonos a parar os de responsabilidade municipal e iso está feito. Nas medidas paliativas para os desaloxos, estamos a actuar por medio de Xustiza Social e Rexeneración Urbana. Gustaríanos que a cidade fose libre de desafiuzamentos ao 100 %, pero é algo que non prometemos aínda que si estamos a pelexar, e nos casos de emerxencia que nos chegaron, actuamos en todos.
-¿Ten un concello recursos para atender dous desafiuzamentos ao día?
-Do máis frustrante deste traballo é non poder resolver problemas dun día para outro. Moitas veces non son tanto recursos económicos o que se precisa como os legais. Hai que facer verdadeiros esforzos para actuar dentro da lei e cumprir os obxectivos que queres, por exemplo para facilitar a alguén que vai ser desaloxado hoxe unha vivenda mañá. Moitas veces as leis teñen unha serie de obxectivos para evitar arbitrariedades, pero non están pensadas para axudar ás persoas nunha situación de emerxencia.
Xulio Ferreiro alcalde de a coruña
«A forma de procurar un achegamento non é mallar en quen queres que sexa o teu socio ata que dobre»
O mandato quedou marcado polo feito de que o goberno estea en minoría. O PSOE facilitou a investidura, pero non houbo logo máis que acordos puntuais e relacións moitas veces tensas.
-Vostedes optaron por gobernar sós. En moitos concellos en minoría funcionan os pactos. ¿Por que non se buscou un acordo para ter maioría nos plenos?
-Desde o primeiro día o PSOE tampouco esixiu incorporarse ao goberno. Entendiamos que tiñamos forza suficiente para gobernar, pero tiñamos a nosa man tendida para chegar a acordos nas cuestións que son competencia plenaria. O PSOE tampouco tivo ningún interese por entrar no goberno, supoño que confiaría pouco na nosa capacidade para gobernar, non sei se despois cambiaron de opinión visto que nós iamos gañando o respecto da xente.
-¿Por que non se procurou un achegamento?
-A forma de procurar un achegamento non é derrubar a golpes á porta nin mallar no que queres que sexa o teu socio ata que dobre. Hai que establecer unhas relacións de confianza que teñen que ser políticas. É certo que non todo o PSOE é igual, e é máis doado entenderse cunhas sensibilidades que con outras, pasa na Coruña e pasa na Deputación e a nivel galego. As veces dáme a impresión de que aos socialistas lles é máis fácil falar co PP que con nós, a pesar da retórica, do programa e dos valores que din defender. Moitas veces non entendín o que estaba a pasar e os orzamentos son unha mostra. O punto de entendemento o PSOE sitúao en que ou me compras o 100 % do que che pido ou non hai acordo. Co PP si poden chegar a un acordo moi rápido para dificultar a acción de goberno.
-¿Cal é a relación co PSOE?
-Non é boa. Houbo fases onde parecía que podía ser mellor.
-A consecuencia de non ter maioría é que até agora non hai orzamentos, e sen eles non hai programa de bonotaxi, nin cobran os convenios as asociacións.
-Son as consecuencias de estar en minoría.
-¿Por que non os levaron a pleno antes?
-Si, esa é a reflexión. Nós confiamos nun acordo co PSOE, pero esa confianza e inxenuidade nosa non serviu, había puntos de encontro e a intención de chegar a un pacto, pero o PSOE se enredou, non fixo propostas... Visto desde agora, a opción tería sido ir ao pleno antes, pero despois do partido é fácil adiviñar o resultado.