Éinnegábel que estes primeiros cen días de mandato supuxeron un cambio a respecto das políticas anteriores mais queda moito por mellorar. A realidade dos feitos é teimuda e se debullamos as 25 medidas para os primeiros 100 días que a Marea Atlántica se comprometeu a cumprir se gobernaba concluiremos que a maioría están sen executar.
Entre os cumprimentos, son de destacar a apertura á oposición das mesas de contratación, consellos de administración das empresas municipais e outros órganos colexiados, ou a apertura dunha quenda de rogos e preguntas da veciñanza nos plenos.
Doutra banda, houbo medidas que soamente foron anunciadas, como a revisión e modificación de plans urbanísticos, como o do Ofimático, o cumprimento da Lei de memoria histórica, a aplicación dunha tributación progresiva máis xusta ou a elaboración dun novo plan de emprego.
Mais hai outra parte desas medidas que non se anunciaron ou que foron incumpridas, podemos salientar aquela que consistía en auditar a débeda do Concello para reducir a súa carga e apostar pola banca ética. Lonxe diso, adxudicóuselle un préstamo de 11 millóns de euros ao Banco Santander. Así mesmo, na primeira oportunidade de remunicipalizar un servizo, o Goberno rematou por concederllo de novo a unha empresa privada. O compromiso de publicar as subvencións, os contratos, os decretos e as resolucións dos órganos municipais tampouco se está a facer efectivo. Por último, quero referirme ao incumprimento, que avanzou o Goberno xa na semana pasada, daquela medida na que a Marea Atlántica se comprometía a reformar o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá.
Desde o BNG, convidamos o Goberno local a executar de xeito decidido as medidas anunciadas e a pasar á acción, indo máis aló da política de xestos. Por iso e, mirando cara adiante, agardamos que se aproveiten os orzamentos e as ordenanzas de impostos, taxas e prezos públicos: pois son ferramentas como ningunhas para facer efectivas as políticas das que se fala. A cidade e o Goberno poderán contar co BNG para que o cambio sexa real.