O centro de divulgación ambiental vive hoxe «no límite da viabilidade»
02 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) vén de pechar un annus horribilis: dúas indemnizacións por despedimentos declarados improcedentes -42.000 euros en total- fixeron un grande buraco no seu xa minguado orzamento, mentres o seu cadro de persoal, que chegou a estar formado por vinte persoas, quedou reducido a cinco, o que sitúa hoxe o centro no «límite da viabilidade».
-¿Ten sentido seguir nestas condicións?
-Respóndoche con outra pregunta: ¿Ten sentido pechar un centro de prestixio internacional que presta uns servizos nunha área estratéxica para o futuro como é a formación e a sensibilización ambiental e que ninguén máis está en condicións de prestar en Galicia?
-Pero continuar así...
-Ten máis sentido mantelo así que pechalo. A esperanza é que volva a ter máis capacidade operativa no futuro. Pero aínda con esas limitacións de equipo humano e orzamento, o ano pasado demos formación a case mil persoas e nas actividades de formación medioambiental participaron case 50.000.
-¿Está cabreado coa situación?
-Home, claro. É que a situación é de resistencia. Eu non podo estar máis que fastidiado. Aspiraría a dispoñer de máis recursos humanos e materiais.
-¿Non entende o recorte?
-Hai cousas que eu non podo dicir aínda que as pense e non podo falar mal dos meus patróns: nin da Xunta, nin da Universidade, nin do Concello. É máis, en algúns dos casos tería que falar moi ben: que a Universidade, nunha situación como a actual, siga mantendo igual a súa achega ao Ceida ten moito mérito. E que o Concello de Oleiros siga apostando por manter isto tamén é de agradecer.
-Falaría menos ben da consellería...
-Tería que falar mal, pero non o vou facer. Tería que falar mal da Xunta porque é evidente que, en termos orzamentarios e comparativamente ao que aporta á sociedade galega, sería lóxico que o Ceida dispuxera de máis recursos.
-¿Como afrontan o 2014?
-A idea é poder aguantar o ano, pero non é: Madrecita, madrecita, que me quede como estou. Temos proxectos en marcha, e algúns relevantes. O Ceida xogou un papel moi importante para que se conseguira que isto sexa unha reserva da biosfera. Temos un proxecto que nos aprobou a Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Medio Ambiente, para a institucionalización desta reserva. Tamén colaboramos co Consorcio As Mariñas, con Augas de Galicia, ca Dirección Xeral de Conservación da Natureza... Non estamos cos brazos cruzados.
-¿Ceida é sinónimo de Vales?
-Saca ti as túas conclusión. Cando eu cheguei aquí o Ceida era o xardineiro. Agora digo que cinco persoas é pouco, pero isto estivo moito peor. Tamén moito mellor, pero os que hoxe están teñen unha experiencia acumulada en medio ambiente e en educación.
-¿Cal é a súa frustración despois destes 14 anos?
-Ter retrocedido tanto en canto a recursos económicos e humanos. O Ceida é útil socialmente e é moi barato. A pesar da preocupación pola crise, os desafíos ambientais non desaparecen e van ser máis graves cada vez.
-O clima...
-Este tempo terrible que estamos tendo é, con toda probabilidade, consecuencia do cambio climático. A toma de decisións que non teña en conta o medio ambiente vai seguir pasando factura social. Que haxa un centro que forme e sensibilice sobre iso vai ser necesario sempre e cada vez máis. A min o que me preocupa é que o Ceida só coas achegas institucionais que recibe non é viable. Iso é o frustrante.
Carlos vales director do ceida