Asegura que o Concello ten ingresos propios suficientes para manterse
02 nov 2012 . Actualizado a las 07:03 h.Recibe nun despacho onde destacan fotos súas con Fidel Castro. Ángel García Seoane amosa as súas afinidades revolucionarias.
-Aínda que non é a súa guerra, ¿como ve os resultados das eleccións nun municipio no que un alcalde que se declara de esquerdas consigue roubarlle votos ao PP?
-Hai dúas dereitas, a salvaxe e a culta. A nós vótanos a dereita culta, que aínda non comulgando contigo, recoñecen o teu traballo. Aquí hai moita xente con cartos que prefire enviar aos seus fillos ás escolas públicas, porque son moi boas. Nas eleccións as esquerdas gañaron en Oleiros.
-Oleiros acadou durante anos importantes ingresos coa construción. ¿Como repercute a crise?
-O Concello sofre a crise, non somos unha excepción, pero a paliamos coa xestión municipal. O singular no noso caso é que temos uns padróns ao día. Os veciños non pagan máis, pero todos pagan o que lles corresponde e aquí o que máis ten, máis paga. Os nosos recursos propios son estables e bos e temos ingresos propios suficientes para manternos, aínda que os ingresos do Estado baixaron máis de 2 millóns en tres anos. Iso é un pau nun presuposto de 27 millóns. Os da Xunta e a Deputación tamén se reduciron, aínda que nunca fomos santos da devoción de ningunha delas, con ningún Goberno.
-¿De onde se recorta?
-Por exemplo no gasto enerxético, que era un descontrol. Pagabamos 1,7 millóns ao ano de gasto eléctrico. Contratamos a un experto para revisar instalacións e contratos e hoxe pagamos un 30 % menos. A Fenosa reclamámoslle 493.000 por facturas mal cobradas.
-¿Que lles queda por facer, cos recursos cos que contan, neste mandato?
-Apostamos por apuntalar servizos e prescindir en gastos e obras públicas. Xa temos as mellores infraestruturas.
-Sen ingresos do urbanismo. ¿Cal será o futuro de Oleiros?
-Temos un futuro prometedor en servizos terciarios. Aquí temos solo para xeriátricos, para turismo. Aínda que baixaron os ingresos, a crise é menos crise en Oleiros que noutros sitios.
-¿Cales son os asuntos pendentes?
-Hai que abordar dunha vez por todas a vía Ártabra por Oleiros, Cambre e Culleredo. Outra das loitas que temos é facer un porto combinado en Lorbé, onde cada vez hai menos barcos de pesca. E o desdobramento da N-VI, a recuperación de Naval, a carreteira da costa, para a que había tres millóns de euros e non se fixo, o colexio de Nós ou os accesos ao porto de Lorbé.
-No plano político, suponse que a maioría daralle certa tranquilidade.
-Foi moi importante. Sen maioría ao mellor non podiamos aprobar proxectos coma o campo de golf. Pero sabemos o que é gobernar en minoría e a pesar diso Oleiros está aí. No seu momento houbo que chegar a pactos cun custe. Houbo intentos por todas partes para derrocarnos, e ate contaron con elementos externos nas súas políticas de destrución. Nós somos un grao no cu para todos os partidos.
Ángel García seoane alcalde de oleiros