Na inauguración da remodelada Rúa Nova, falaba Mario López Rico, concelleiro de Rehabilitación, dunha revolución silenciosa, referíndose á rehabilitación de numerosos espazos públicos nos últimos catro anos. É de xustiza recoñecer que houbo unha mellora substancial de moitos lugares, prazas e rúas: Santa Catarina, Cormelana, Pastoriza, Africano, Santo Domingo e Cortaduría, Atocha Alta e Atocha Baixa, San Andrés, San Nicolás, Fernández Latorre, As Lagoas...
Á remodelación das prazas de Lugo e Vigo, recuperadas en parte para o paseo, seguiron as ambiciosas reformas na praza de Pontevedra, Tabacos e Campo da Leña. Comezouse a poñer en marcha algunhas das propostas de Busquets para o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), como os chamados corredores peatonais: avenida de Oza (vella Xeneral Sanjurjo), Pablo Picasso, Orillamar, que dan protagonismo ás persoas e facilitan o paseo, con máis árbores e bancos, mellora na iluminación e mobiliario urbano.
Paralelamente, potenciouse o carril bus e bici, como se fai en moitas cidades europeas, onde é habitual ver a ciclistas, non só nas calzadas, senón en beirarrúas con máis de tres metros de anchura. Esta política urbanística, así como o potenciamento do transporte público, é unha aposta de futuro, que beneficia á inmensa maioría, revaloriza as vivendas e potencia o comercio local. A crítica é unha boa práctica cívica, pero escoitáronse auténticos despropósitos, nalgúns casos co único obxectivo de erosionar ao goberno local: que as beirarrúas eran moi anchas, que había moitos bancos e árbores, ou defendendo a dobre fila e a retirada dos bolardos para que os coches puidesen subir as aceiras, para facer as compras máis comodamente.
É verdade que se gañaron prazas de aparcamento nalgunha remodelación e que se perderon noutras. Atendendo as demandas dos veciños, o Concello debe traballar en solucións alternativas -como un párking soterrado nono patio interior do cuartel de Atocha, pero debe manter unha liña de actuación para facer unha cidade humana, con menos coches, e pensada para disfrutre das persoas.