Josefa Álvarez: «Home bo non hai ningún»

Cándida Andaluz Corujo
CÁNDIDA ANDALUZ OURENSE / LA VOZ

A CORUÑA

Josefa é nunha das mulleres máis lonxevas de Galicia

16 feb 2011 . Actualizado a las 12:16 h.

É a mesma imaxe da vida. Polos ollos de Josefa van 105 anos de experiencia directa con bos e non tan bos momentos. Hoxe cumpre 105 anos converténdose nunha das mulleres máis lonxevas de Galicia. Poucos quilómetros hai dende a súa aldea natal, San Tomé do Viso, no concello de Cartelle, ata a súa residencia da Nosa Señora do Mundil, onde hoxe soprará as velas. Paquita, a súa amiga da residencia, non estará, xa que o luns, con 99 anos, faleceu. Iso non resta felicidade a unha muller que di ter pasado moita fame. -Tiña sete irmáns e un deles vive. ¿Como recorda a súa infancia? -O recordo que me vén é o de pasar moita fame, moita. Sempre estiven no campo coidando as vacas e tamén traballando para outra xente, limpando, sachando, coidando os animais... Un dos meus irmáns foi a Arxentina e morreu atropelado por un coche. -E nunca foi a escola. -Nunca, non sei ler nin escribir. Pero sei moitas oracións e rezo o rosario todos os días. -Unha infancia dura a súa. -Moito. Traballaba para miña ama e soamente me daba caldo. Empecei a traballar de moi rapaza. Eu quería leite, pero nunca me daba leite e pechaba o lugar onde estaba a bica, para que non collese. Pero podo dicir que nunca fixen mal a ninguén. Nin sequera roubaba as mazás das árbores, collía as que estaban tiradas no chan. Ía gañando algo co leite que vendía e con algúns cartos comprei un manto e tamén mercaba xabón para poder limparme. -Parte da súa familia dedicouse ao contrabando. -Si, os meus irmáns soamente. Eu sempre estiven no campo traballando e traballando moito. Eles ían a Portugal, pero eu non. -Pero habería momentos alegres... -Si, ía aos bailes que se celebraban e cantaba moito «Por onde vas á misa que non te veo, polas escaleiras do cemiterio. Ao cemiterio non vou porque dáme moita pena. Alí teño enterrados os restos da miña morena» [canta]. Aínda a recordo. Tamén fun moi feliz xunto os meus pais, sempre os coidei, ata que morreron, primeiro a nai e logo o pai. -Vostede non casou. -Non. A miña nai sempre me dixo «Non te cases, home bo non hai ningún». E non casei. -Pero habería pretendentes. -Había moitos que me querían para facer aquilo, pero non querían casar e iso é pecado, ¿sabe? Ademais eu era pobre. Se fose rica, si que terían querido casar. -Viviu vostede a Guerra Civil. -Bágoas, bágoas, bágoas, bágoas, bágoas... As nais choraban polos seus fillos e as rapazas polos seus irmáns. Houbo de todo, pero moito choraron aquelas nais... -¿Como ve vostede a sociedade de hoxe? -Agora vívese moi ben, eu seino porque pasei moita necesidade. -Con oitenta anos rompeu as dúas pernas e dinnos que non toma ningunha pastilla, que é a máis sa da residencia. ¿Cal é o seu segredo? -É verdade. Cando tiña oitenta anos caín no campo e manquei as dúas pernas, pero sanaron e non me volveron doer nunca. Tampouco tomo nada. Non sei, será de tanto caldo. Podo dicir que eu cando fun rapaza nunca comín carne porque non tiñamos cartos para mercala, así que o que máis tomaba era leite. Unha vez cando era cativa mordeume un can e ao pouco tempo morreu o animal, e eu non tiña nada [ri]. Josefa Álvarez levántase da cadeira case sen axuda, mira ao fotógrafo e sorrí para saír guapa na foto.