Unha rúa para Luis Suárez

Manuel Monge

A CORUÑA

11 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Fálabase moito estes días da posíbel concesión do Balón de Ouro a Andrés Iniesta ou Xavi Hernández, xogadores do Barcelona, pero que finalmente acadou onte Messi. Tería sido unha boa noticia, máis debemos lembrar que nós xa temos un campión -?recibiu esa mesma distinción hai nada menos que cincuenta anos-, que é de Monte Alto e foi sempre un dos mellores embaixadores da Coruña e de Galicia polo mundo.

Hai meses a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entregaba ao Concello unha proposta de 112 rúas para A Coruña. Era unha contribución para que a cidade honrase a aquelas persoas que desde os ámbitos da cultura, a ciencia, a historia ou o deporte son merecedoras dun recoñecemento público.

Iso dí a proposta para que o Concello da Coruña dedicase unha rúa a Luis Suárez Miramontes: «Un dos mellores xogadores do fútbol mundial. Naceu na Coruña en 1935. Despois de pasar polo Fabril, xoga no Real Club Deportivo na temporada 1953-54, posteriormente no Barcelona (1954-61), no Inter de Milán (1961-70) e no Sampdoria (1970-73). Foi Balón de Ouro en 1960, como mellor xogador europeo, de Prata en 1961 e 1964 e de Bronce en 1965. Co Barcelona gaña as Ligas de 1959 e 1960, a Copa de España de 1957 e 1959, a Copa de Feiras de 1958 e 1960. Co Inter gaña as Ligas de 1963, 1965 e 1966; as Copas de Europa de 1964 e 1965; a Copa Intercontinental de 1964 e 1965. Xoga trinta e un partidos internacionais coa selección española de 1957 a 1972, gañando a Eurocopa en 1964 e xogando os mundiais de fútbol 1962 e 1966. Foi adestrador da selección española entre os anos 1988 e 1991 e conseguiu gañar a Eurocopa sub'21 en 1986».

Hai días xa que comezaron unha serie de actos para homenaxear a quen foi un extraordinario futbolista e un orgullo para Galicia: conferencias, colocación dunha placa na casa onde naceu, presentación dun libro e unha exposición para xaneiro. Atrévome a pedir ao Concello da Coruña que neste ano, e cando vén de cumprir 75 anos, o mellor regalo a Luis Suárez sexa dedicarlle unha rúa; estou seguro de que terá un apoio unánime da corporación municipal, do mundo do deporte e de toda Galicia.