Os vetos e as imposicións son dous recursos paralizantes. A súa aplicación, ou a ameaza de exercelos, impide calquera acercamento na busca do consenso e, polo tanto, paraliza os mellores proxectos.
Se hai coincidencia política en dar resposta común ás necesidades comúns de 407.150 habitantes (datos do Instituto Galego de estatística de 2009), correspondentes aos concellos da Coruña (con 246.056 habitantes que representan o 60,43% do total) e aos dos nove que conforman o Consorcio das Mariñas (con 161.094 que supón o 39,57%), ¿que é o que impide a posta en marcha dun consorcio nucleado, e liderado, pola Coruña?. Pensamos que é a falta de vontade política; porque cando existe vontade política as dificultades minimízanse.
O consenso debe ser sempre a primeira opción para a toma de decisións, pero non sempre é posible chegar a el. Por iso se buscan fórmulas de avance, que, por outra parte, xa están inventadas. Os alcaldes do Consorcio das Mariñas non poden pretender que o Concello da Coruña, con máis do 60% da poboación, trague coa fórmula da representación por número de concelleiros, na que se atoparía nunha minoría insultante. E o alcalde da Coruña tampouco pode impor o criterio da poboación. Polo tanto, nin o veto dos alcaldes do Consorcio das Mariñas, nin a imposición da fórmula do alcalde da Coruña.
Os estados da UE levan moitos anos buscando fórmulas para avanzar nos seus proxectos, antes coa Europa dos 15 e máis agora coa dos 27, e concluíron coa de combinar poboación e representación para evitar os vetos: dobre maioría, a fórmula máxica.
A nosa proposta, coma a da UE, e a de ter sempre como primeiro obxectivo a busca de consenso, e cando non sexa posible, recorrer á maioría cualificada coa combinación dun mínimo de 50% de representación dos concellos e dun 70% de poboación. Esta fórmula, ou outra semellante, impide aos concellos do Consorcio das Mariñas vetar ao da Coruña, porque non ten poboación suficiente; e ao da Coruña vetar ao resto por criterios de representación.
Os alcaldes elíxense nos seus correspondentes concellos e non dan conta da súa xestión ante os habitantes doutros, pero os espazos municipais non son compartimentos estancos e os déficits nos servizos, en moitos casos, son comúns á cidadanía dunha área supramunicipal. Polo tanto dende o punto de vista da eficacia na xestión coma no da eficiencia económica -máis nestes tempos- hai que ter vontade política para aparcar diferenzas e remover obstáculos para avanzar. A cidadanía está esperando.
A xestión do medio ambiente, da mobilidade, do planeamento do territorio e das infraestruturas, as políticas de desenvolvemento industrial, os servizos de emerxencias, etcétera, ten que ter un tratamento comarcalizado nunha área urbana coma a da Coruña e o seu entorno. Hoxe, unha vez morto o Foro de Mariñán, urxe a creación do Consello Económico e Social da Comarca da Coruña para o tratamento de temas tan importantes para a sociedade.