Falece Anisia Miranda, escritora e divulgadora do libro galego

La Voz

A CORUÑA

A autora, casada con Neira Vilas, será enterrada hoxe en Vila de Cruces

23 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Anisia Miranda, escritora e fundadora xunto ao seu marido, Xosé Neira Vilas, da editorial Follas Novas, faleceu onte aos 76 anos de idade na súa casa en Gres (Vila de Cruces). A autora nada en Cuba sufriu un derrame cerebral a primeira hora da mañá. Os seus restos permanecen no salón de actos da Fundación Neira Vilas para ser velados na intimidade, como era o seu desexo. O funeral será hoxe a partir das doce do mediodía na igrexa parroquial de Gres.

Anisia Miranda levaba xunto a Neira Vilas dende o ano 1991 na parroquia cruceña de Gres, onde era a vicepresidenta da fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego. Dende ela desenvolven un labor de dinamización cultural, tanto coa convocatoria de diferentes premios literarios de poesía e de teatro en lingua galega para nenos como cun servizo de biblioteca e cunha mostra de obxectos etnográficos.

A autora, filla de emigrantes galegos, naceu o 30 de decembro de 1932 na cidade cubana de Ciego de Ávila. En 1953 trasladouse cos seus pais a Bos Aires e vinculouse ás actividades culturais galegas.

Un ano despois coñecería a Neira Vilas, co que casou en 1957, ano no que fundaron Follas Novas, unha organización editorial e distribuidora do libro en galego en América. Miranda tivo un papel importante nela, pois animou tamén as tertulias sabatinas que se levaban a cabo con mozos galegos. Alí estivo en contacto con Blanco Amor, Ramón de Valenzuela, Rafael Dieste, Laxeiro ou Alonso Ríos, entre outros.

Numerosos premios

No ano 1960 publicou o seu primeiro libro, co selo da editorial Follas Novas, Esta es Cuba, hermano . Despois seguiríanlle outras obras, como Becados ; Mitos y Leyendas de la antigua Grecia -que chegou aos 160.000 exemplares- ou Pepe Martí .

En teatro e narrativa obtivo premios en Cuba, coma o de Narrativa ou o Nacional de Literatura para nenos, así como en tres ocasións o Nacional de Teatro Infantil e Xuvenil. Ademais, recibiu a medalla Por la Cultura Nacional de Cuba e foi distinguida coa Medalla Ho Chi Minh e a Orde da Amizade de Vietnam. Recentemente, recibiu varias distincións en Galicia, como o seu nomeamento como filla adoptiva do concello de Vila de Cruces, o de Chairega de Honra ou o premio «aos bos e xenerosos» en Ponteceso.