«En función da demanda, Morás pode chegar ós 6 millóns de metros»

Carmo López

A CORUÑA

O responsable de Xestur advirte de que non vai permitir a especulación cos terreos do que se converterá no maior parque empresarial da comunidade

07 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A urbanización do polígono de Morás está cada vez máis preto. O mes pasado, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orden de expropiación forzosa dos terreos a un xustiprezo de 11 euros por metro cadrado. Pero os intentos de especulación por parte dalgúns intermediarios puxeron en pé de guerra a algúns propietarios aos que a tarifa oficial lles parecía escasa porque non tiñan en conta os custes de urbanización dos terreos. Ante as protestas, o presidente de Xestur (sociedade pública dependente da Consellería de Vivenda), Xosé Luís Barcia, é implacable: «Aquí houbo unha presión especulativa feroz, pero seguindo os principios da Consellería de Vivenda segundo os que o solo industrial é estratéxico para o desenvolvemento do país, utilizaremos todos os mecanismos que estean nas nosas mans para freala».

-Entón hai que eliminar radicalmente a figura do intermediario.

-Galiza é a única comunidade na que hai intermediarios. Hainos que eliminar porque o 40% do solo empresarial galego está en mans privadas e non está executado.

-E cal é a súa fórmula para frear a especulación nun polígono tan atractivo coma Morás.

-Esiximos a toda empresa que queira estar no parque empresarial que pida unha licenza no prazo de doce meses. Logo ten que executar o proxecto nun período máximo de dous anos, pero previamente imos analizar o tipo de empresas que se queren instalar. Porque tampouco imos deixar que se comercialicen parcelas para naves de aluguer porque o solo é estratéxico para o desenvolvemento económico.

-Teño entendido que xa hai moitas compañías que manifestaron o seu interese por instalarse en Morás.

-Hai moitas de sectores que van dende os servizos, ata a produción industrial, a loxística e a maquinaria pesada.

-Pero tamén será unha oportunidade única para as empresas que xa están en parques da zona, pero non teñen espazo para ampliar

-As parcelas sácanse a concurso. Pero un dos baremos que conta no momento de puntuar é o de ter unha empresa que queira ampliar e reubicarse.

-¿Qué outros criterios puntuarán?

-A importancia económica da empresa, a xeración de emprego e o sector económico ao que se adique. Contabilizará moito se este é estratéxico para o territorio.

-¿E que sectores se ven como estratéxicos para a comarca?

-Hai que ter en conta a ubicación de Morás. É un polígono que vai totalmente ligado ao porto exterior. Entón ten que haber empresas de loxística que estén instaladas aí, compañías cun sector industrial produtivo...

-Esa localización faino fundamental para quen opere no porto exterior de punta Langosteira.

-É un parque estratéxico para crear un espazo económico no norte da provincia da Coruña. Iso vai determinar o modelo de desenvolvemento territorial de toda a zona. Nun principio terá 1,5 millóns de metros cadrados de superficie, pero analizando os niveis de petición de fincas, a demanda, e as probabilidades de ampliación podería acadar no futuro o redor de seis millóns de metros cadrados. Iso converteríao no maior polígono industrial de Galiza.

-Morás poderá converterse nun importante centro loxístico, pero ten que solucionar primeiro o tema dos accesos ao porto exterior e á autovía.

-O tema dos accesos depende de Fomento e da Xunta. O máis probable é que se faga unha conexión entre o porto exterior e a autoestrada. Polo menos esa é a opción de Xestur.