«Hai rexeitamento dos alumnos a traballar fóra»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo A CORUÑA

A CORUÑA

Entrevista | Gustavo Rego Veiga Sostén que a economía segue sendo unha garantía para acceder ás empresas, pero pensa que o futuro está en viaxar a outros países

25 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

É consciente de que cada vez son menos alumnos os que acoden á Universidade, pero considera que, polo momento, a súa facultade segue sendo unha das que ten maior demanda. Gustavo Rego Veiga (Foz-Lugo, 1963) estreouse hai case dous anos como decano e fai un bo balance deste tempo, aínda que lle gustarían facer varias reformas no edificio para adaptalo á nova realidade académica. -¿Por que non se tiveron en conta eses cambios si esta facultade se abriu hai só catro anos? -Porque houbo un problema de destino, xa que non estaba claro que nos puideramos desprazar todos aquí, e os despachos dos profesores non están adecuados a tal cantidade de docentes. -¿Cales serían eses cambios no edificio? -Temos un centro novo con grandes espazos e boa instalación, pero ten dous defectos: os despachos dobres dos profesores son moi estreitos, e hai serias dificultades físicas para poder pasar da mesa dun profesor á doutro. Ademais, todas as aulas son en escaleira, e na nova adaptación ao espazo europeo apóstase por traballos en grupos reducidos, e con estas aulas é practicamente imposible facelo. -¿Como o van arranxar? -Temos varias aulas de estudo na primeira e segunda planta que están en superficie plana. Está previsto que no próximo verán trasladaremos eses espazos ao recibidor de entrada, e converteremos esas aulas de estudo en catro aulas. -¿Por que hai una diferenza tan grande entre o número de alumnos de Economía e os de Administración de Empresas (ADE)? -Este transvase de alumnos prodúcese porque a xente considera que coa formación en ADE as posibilidades de acadar emprego son maiores. Coa formación que reciben aquí colócanse igual, sendo de Economía ou de ADE. -¿Onde está o futuro dos licenciados nesta facultade? -Neste momentos as entidades financeiras están nunha fase de expansión, tanto a países como China como ao resto de España, polo que hai posibilidades de que sigan atopando traballo. O único problema que vexo, non sei se é cultural ou propio de aquí -aínda que sempre fomos un país de emigrantes-, é que hai certo rexeitamento por parte dos alumnos a desprazarse a traballar fóra de Galicia. O futuro está en desprazarse, e cando o podes facer é cando acabas de estudar e non tes responsabilidades. -¿A que nivel se encontra esta facultade con respecto á de Santiago, a primeira que se creou? -Non somos inferiores a ningunha das titulacións que hai en Galicia en canto a formación. De feito, hai algúns anos, os alumnos das primeiras promocións tiñan un certo orgullo da dificultade que tiña a carreira aquí, e había un certo orgullo de acabar en A Coruña porque había un mellor nivel.