Casahamlet representa hoxe e mañá no Fórum Metropolitano unha peza que agrupa textos dispersos do dramaturgo orixinario do Valadouro
13 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Xesús Pisón escribe teatro, pero poucas veces esas obras chegan ó escenario. Hoxe e mañá, a compañía Casahamlet representa unha recompilación de textos dispersos de Pisón baixo o título Animal vacío . -Non é habitual que os meus textos cheguen con regularidade ós escenarios. Esta montaxe débese ó interese de Manolo Lourenzo pola miña escrita, e tamén a esa intención súa de reunir algúns textos que andaban dispersos por revistas e opúsculos, ata facer unha montaxe na que se mantén a independencia das pezas escollidas e unha certa unidade de fondo como elemento común para as obras. -Pero, o seu teatro ten fama de difícil, de arriscado. -Agora se escribe un teatro que ten pouco que ver co meu, un teatro facilón e moi dado á comedia. Quizais, por eso, parece que o que escribo é arriscado ou difícil, e tamén pode ser que por causa diso as compañías non queiran montar os meus textos. -¿Hai unha liña que percorre todo o seu teatro? -Creo que si. Como dramaturgo estou interesado nos conflictos humanos e na violencia que xeneran. Sempre me interesou o conflicto arredor da soidade, e esa loita dos seres humanos polas relacións. Necesariamente, iso se reflexa nos meus textos. Tamén creo que hai unha liña de continuidade na miña forma de escribir. Porque escribo dunha forma case compulsiva, como urxido pola necesidade de contar as historias, de desfacerme delas. E esto incide na maneira que teño de contar.