O divulgador científico representa «Carbón» o venres na Illa e o sábado en Santiago
03 mar 2022 . Actualizado a las 09:20 h.O espectáculo de divulgación científica e humor de Xurxo Mariño e Oswaldo Digón, «Carbón», chega a Galicia. Este venres estará no Auditorio Municipal da Illa de Arousa, ás 21.00 horas, e o sábado 5 de marzo poderá verse no Auditorio Abanca de Santiago a partir das 20.30 horas. Será unha clase científica moi particular, partindo dun humilde anaco de mineral.
—Por que hai que ir ver «Carbón», que se atopa o espectador máis alá dunha pedra?
—Vai atopar un espectáculo de divulgación que ten monólogos de humor, unha combinación atípica de ciencia, humanidades e artes escénicas. É unha ocasión para aprender moito, divertirse e gozar. Transmitir o coñecemento da ciencia pode ser tremendamente poético, non é un coñecemento estéril, esa é a primeira mensaxe. A segunda é que esas achegas que nos poden encher de gozo e excelencia poética poden atoparse en calquera obxecto no que a ciencia meta os fouciños. Empezamos cunha poesía de D. H. Lawrence porque representa o medo e o desprezo que lle tiñan os autores do romanticismo á ciencia e á revolución industrial, por iso escollemos o carbón, algo vulgar e feo, para ensinarlle a eles e a quen pode pensar de forma similar que cunha pedra fea podemos atopar historias fermosas. Eu vou contando isto mentres Oswaldo fai o papel de escéptico e vaise metendo comigo.
—Historias fermosas, por exemplo?
—Nun cacho de hulla hai atrapados raios do sol que foron emitidos hai 300 millóns de anos. Esa luz de sol, literalmente, está aí atrapada e a partir de aí é cando falamos de grafeno, diamantes, a fotosíntese, as mitocondrias...
—Hoxe abundan os científicos e produtos audiovisuais dedicados á divulgación, pero cando vostede empezou hai unha década cos Cafés-teatro científicos, nos que falaba de ciencia coa linguaxe da rúa, aquilo rompía esquemas. Superáronse os prexuízos dos ámbitos máis puristas e académicos?
—Seguen existindo porque a inmensa maioría das persoas que se dedican á ciencia seguen considerando a comunicación científica algo menor cando a inmensa maioría da ciencia é algo que repercute na sociedade, e a sociedade ten que saber interpretar iso, se non estamos moi perdidos. Desde o mundo académico segue sendo unha cousa secundaria. Agora, coas novas tecnoloxías, todo o mundo pode facer divulgación da ciencia e editar o teu propio libro.
—No informe PISA non saímos moi ben parados en ciencias. Estamos por debaixo da media da OCDE. Vostede xa dicía en 2011 que o noso sistema educativo creou analfabetos.
—Hai un currículo moi concreto que hai que transmitir, e, cinguíndose a iso, as alumnas e alumnos teñen que sacalo adiante sen preocuparse de embeber eses coñecementos na vida cotiá. Hai un divorcio entre a maneira de transmitir o currículo e a vida cotiá. Cando eu estaba no instituto e tiña xeoloxía, nunca saímos ver as pedras; tiña bioloxía e nunca saímos para ver plantas e insectos, nunca se fixo unha xuntanza nocturna para ver as estrelas. O coñecemento está encapsulado, dáse en cápsulas illadas da vida cotiá. Non me lembro de nada do que aprendín no instituto e procuro que agora non sexa así, procuro que non se faga esa transmisión aséptica de caixas do coñecemento.
—Cal é resposta da xente?
—Iso é o bonito. Dinme que aprenden, o pasan ben e danme as grazas. O outro día en Zaragoza, a xente maior quedou encantada cando falaba da fotosíntese e a mitocondria. A consciencia de que comprendes algo produce pracer. Diso se trata, de facerlle sentir á xente de que son conscientes de que acaban de comprender algo do mundo no que viven.