Científicos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

CIENCIA

Jeffrey Arguedas

09 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O método científico chegou ás tardes de caña e viño da cuadrilla, que pouco a pouco están normalizándose. O Mariló, dende que o vacinaron, fala con profusión e coñecemento da inmunización. El foi coa Séneca, ou Faneca, ou, como el mesmo asegurou: «A min que me poñan o que sexa, que eu aguanto con todo». O Juan Ramón foi de Pfizer e O Julito coa Moderna. As discusións son de altura e eu invitaría a calquera virólogo ou inmunólogo que se acercase a Verín para escoitar as conversas sabias da cuadrilla. A última discusión xurdiu cos menores de sesenta inoculados con AstraZeneca. Fronte á recomendación de Sanidade ergueuse o pobo en rebeldía e máis do noventa por cento quixeron ser pinchados coa mesma vacina e non cambiar a outra. O Mariló, para ilustrar a brillante decisión da maioría da xente, contou o caso aquel de dous borrachos que ían de bar en bar pola noite madrileña. Non había garito que se resistise e chegou a hora de regresar ao hotel, xa co sol anunciando un novo día. Un deles, que xa non se tiña en pé e non conseguía nin sequera camiñar, díxolle ao outro: «Tomamos un taxi?» O outro contestoulle: «No mezcles, compadre, no mezcles». O Mariló asegurou que era unha historia real. Despois averiguamos que a anécdota xa é considerada un dos chistes clásicos do repertorio hispano. Porén, algún pensou que non era suficiente o chiste. Levantouse o Julito. Dixo coñecer a un científico que se puxo tolo de tanto estudar. Foi ao psiquiatra. «Doutor, síntome un can». O psiquiatra contestou: «¿E antes como se sentía?». «Antes sentíame un cachorro». Non sei se alguén foi quen de rir. Eu, si. Pensei que cando na cuadrilla tamén se fala de ciencia é que, por fin, temos acadada a perfección.