No alto da ciencia

María López Sández
María Sández TRIBUNA

CIENCIA

19 feb 2020 . Actualizado a las 08:42 h.

Anxo Carracedo vén de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade do Minho e, no discurso do acto no que se levou a cabo a concesión da mención, pronunciáronse palabras laudatorias que todos os galegos e galegas deberiamos facer nosas.

Porque este home é un orgullo para nós. E porque probablemente se poderían ter aducido moitas razóns para esa louvanza que culmina na petición do Nóbel para o científico galego, mais entendo que o catedrático de Psicología Óscar González fixese fincapé na personalidade e humildade de Carracedo.

Malia ter recibido xa premios que o sinalan como un científico eminente do noso tempo, Carracedo conserva a proximidade e a calidez das persoas boas e humildes. É doado convencelo para ir dar unha conferencia divulgativa a centros de ensino secundario, sabe ter proximidade lingüística e afectiva cos seus interlocutores e converter o coñecemento en materia comprensible. Carracedo é xeneroso. Posúe un grande talento para a divulgación e para a disolución das fronteiras entre o científico e o humanístico. Para ilustrar o enorme valor da súa figura, quero contar unha anécdota: cando veu dar unha conferencia ao meu instituto, rexeitou cobrar.

Se buscan información sobre el, verán que tamén se interesou polos problemas do ensino actual e que sempre intentou combater un dos máis evidentes: a súa dificultade para aceptar as diferenzas e promover o talento. Oxalá poidamos algún día falar de que se lle concedeu o Nóbel. Non é imposible. E sería sinal de que hai xustiza no mundo.