«A igualdade entre home e muller aínda non existe e, quen o diga, minte»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CIENCIA

CAPOTILLO

Parte da investigación desta catedrática céntrase no estudo do xénero na ciencia: participará o sábado no Mes da Fundación Fernando Blanco de Cee

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Doutora en química pola Universidade de Vigo, Mercedes Álvarez Lires, abrirá os actos da quinta edición do Mes da Fundación. A súa dilatada experiencia investigadora -centrada, sobre todo, na formación do profesorado e no estudo do xénero- levouna a ser unha das voces máis capacitadas e documentadas á hora de falar da figura da muller no campo da investigación científica e tecnolóxica. «O problema non é o acceso das mulleres á tecnociencia», dicía no seu día, «senón a permanencia e promoción nela». Apunta que, no ámbito educativo, o volume de alumnas que escollen opcións científicas ou da saúde é moi elevado, pero que é necesaria unha fonda mudanza no comportamento dos varóns para lograr a aceptación total da equidade de xénero na ensinanza.

-¿De qué versará a súa conferencia do sábado?

-Falarei un pouco sobre a exclusión das mulleres da actividade científica e, máis en concreto, xa que estamos nunha zona mariña, tamén lembrarei o papel dalgunhas oceanógrafas ou científicas que contribuíron á sustentabilidade dos océanos.

-¿Pode avanzar algún exemplo?

-Pois por citar a algunha, falarei de Elizabeth Mann que, pese a que foi pioneira nas leis de protección dos océanos, case ninguén a coñece. Tamén mencionarei a mulleres que foron pioneiras no Instituto Español de Oceanografía, aló a principios de século, polos anos vinte.

-¿Qué papel xoga a muller de ciencias hoxe en día?

-Hai moitas mulleres nos primeiros niveis, nos grupos de investigación. En cambio, non chegan a situarse nos postos de poder, que teñen que ver co deseño e a aplicación de políticas científicas. No caso das universidades, aínda que a porcentaxe de catedráticas aumentou hai uns anos, na actualidade están a xubilarse moitas e non se está apreciando o relevo necesario. Descoñezo os datos actuais, pero coñezo compañeiras catedráticas que supoñían a única presenza feminina en áreas moi masculinizadas -como a tecnoloxía- e que, ao xubilárense, xa non quedou ningunha.

-A equidade está, entón, moi lonxe aínda de ser un feito.

-A igualdade entre home e muller non existe e, quen o diga, minte. Non hai máis que ver os informes da Unión Europea que comezaron a saír no ano 2000 co proxecto ETAN. Nel poñíase de manifesto que para que unha muller chegase a un posto de catedrática tiña que ter 2,2 veces máis produción científica que un home. Destapouse en Suecia e foi un auténtico escándalo, mesmo tivera que dimitir o director do Instituto Médico. Estes informes deixaron ver, ademais, que seguen a existir moitos estereotipos entre a sociedade.

-¿Como cales?

-Pois, por exemplo, que as mulleres serven «para coidar enfermos e maiores», mentres que os homes, «para a tecnoloxía». Cousa que é mentira xa que, por exemplo, o equipo que deseñou a primeira computadora para o Pentágono era feminino. Daquela pensaron que ese traballo requiriría de moita paciencia e por iso inmediatamente pensaron en mulleres para facelo. Brillantes, pero mulleres. Despois, unha vez afianzado o proxecto, elas desapareceron da programación.

O Mes da Fundación

O sábado, 7 de outubro: Mercedes Álvarez abrirá as xornadas falando sobre o papel que xoga a muller no ámbito da investigación científica.

14 de outubro: Concerto comentado a cargo de Anxo Pintos, cofundador de Berrogüetto e coordinador da sección de zanfonas da Orquestra Folk de Galicia SondeSeu.

21 de outubro: Conferencia do investigador e doutor en bioloxía Carlos Spuch sobre a influencia que exerce a alimentación no correcto desenvolvemento do cerebro.

28 de outubro: A experimentada compañía Butacazero trae a Cee Na butaca. Fantasía N.º 3 en Don Maior, unha obra teatral na que se abordan, de xeito poético e optimista, enfermidades relacionadas co esquecemento, como a demencia e o alzhéimer.

* Todas as actividades teñen lugar na Casa da Cultura de Cee ás 20.30 horas.