Moitos científicos defenden que estamos nunha nova idade xeolóxica
25 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A través do estudo da historia da Terra soubemos que o noso planeta experimentou violentos sucesos de alcance global, viviu procesos asombrosos de transformación e acolleu a existencia de seres incribles. O mundo nunca deixou de cambiar. Durante millóns de anos, por exemplo, non existiron océanos e a atmosfera non tiña osíxeno; houbo eras nas que só había unha enorme masa continental e outras nas que a maior parte do chan estaba cuberto de xeo.
AS IDADES DA TERRA
Os xeólogos indican que a Terra ten unha idade duns 4.600 millóns de anos. E a través de diferentes organismos internacionais son responsables de establecer as unidades de tempo polas que discorreu esa historia. As de maior duración denomínanse eóns e definíronse catro. Denomínanse Hádico, Arcaico, Proterozoico e Fanerozoico (no que estamos actualmente). Os eóns divídense en eras, estas en períodos e os períodos en épocas.
Para definir o comezo e final de cada unha destas divisións búscanse sucesos de tipo xeolóxico (movementos continentais, creación de rocas, etcétera), climático (glaciacións) e paleontolóxico (especies fósiles, extincións). En xeral, calquera deses sucesos necesita miles de anos para facerse notar. O eón Fanerozoico, por exemplo, comezou hai uns 540 millóns de anos, cando se iniciou a fragmentación do único continente que había sobre a superficie. Dentro deste eón, a era Mesozoica está limitada por dúas grandes extincións: comeza hai 250 millóns de anos coincidindo coa maior devastación de organismos vivos que teña sufrido o noso planeta, pois en menos dun millón de anos desapareceron o 95 % de todos os seres mariños e o 70 % dos terrestres; e finaliza hai 65 millóns de anos, cando o impacto dun meteorito condenou aos dinosauros á súa extinción.
A extensión das idades xeolóxicas é moi variable. Os eóns, que son as de maior rango, duran entre 2.000 e 500 millóns de anos. Os períodos, entre 30 e 80 millóns de anos, aínda que o cuaternario, no que nos atopamos, empezou hai só 2,6 millóns de anos. As épocas son máis breves, entre uns 13 e 35 millóns de anos; pero as que forman o cuaternario teñen unha duración menor: o Pleistoceno durou 2,5 millóns de anos e o Holoceno, que se estende ata a actualidade, tan só uns 12.000 anos.
Falta a confirmación das organizacións internacionais de xeoloxía para que os libros de texto do curso próximo deban ser actualizados.
A pegada da nova idade
O debate sobre se estamos nunha nova idade xeolóxica comezou no ano 2000, fomentado por un científico premiado co Nobel polas súas investigacións sobre o ozono atmosférico. Defendía que a actividade humana modificou o aire, a auga, o chan e a vida do noso planeta como para definir unha nova época. O certo é que nos últimos anos recompiláronse datos que suxiren que a pegada humana quedará rexistrada nas rocas terrestres cando pasen millóns de anos. A humanidade, por exemplo, procesou unha enorme cantidade de rocas para purificar metais. E os refugallos dos produtos elaborados (latas, envoltorios, maquinaria...) quedarán como marcas metálicas nos estratos xeolóxicos (sería o caso do aluminio). O mesmo sucederá cos plásticos: actualmente estanse depositando nos fondos mariños, onde se irán compactando co paso do tempo. Pero talvez a roca máis típica do Antropoceno será a derivada do formigón. Xa se produciu a cantidade suficiente como para cubrir toda a superficie terrestre cunha capa dun metro de altura. As cidades, con todas as súas infraestruturas e produtos, seguro que tamén deixarán no chan a cicatriz na súa presenza.
Outras testemuñas da nova idade están relacionadas cos cambios químicos que modificaron os ciclos planetarios de carbono, de nitróxeno ou de fósforo. A alta cantidade de dióxido de carbono atmosférico permanecerá nas burbullas de aire atrapadas nos xeos polares. E a combustión (vehículos, centrais de enerxía, etcétera) e incineración deixaron sobre o chan sustancias contaminantes (como as dioxinas e o feluxe) que serán recoñecibles nos futuros estratos rochosos. Pero resultarán especialmente características as partículas radioactivas esparexidas polo planeta a partir das máis de 500 probas nucleares xa realizadas; por este motivo está a xeneralizarse a idea de establecer o comezo do Antropoceno a mediados do século XX.
Outro argumento ten relación co futuro rexistro fósil. Indicará que na nosa época se produciu unha importante modificación das poboacións e distribución duns seres vivos e a extinción doutros. Mentres unhas especies multiplicaron a súa presenza e conquistaron todos os continentes a través dos cultivos agrícolas (millo, trigo...) e a cría de animais (galiñas, cans...), outras, as que non atoparon utilidade para os humanos (oso polar, tigre...), están a desaparecer.
actividades
- Descobre en Internet os sucesos que determinan o comezo das últimos períodos (Cuaternario) e épocas xeolóxicas (Pleistoceno e Holoceno).
- Uns científicos defenden que o comezo do Antropoceno sucedeu hai uns miles de anos, cando se inventou a agricultura e a cerámica e comezouse a usar metais; outros, que debería situarse no século XVIII, cando se crearon as industrias e incrementouse a contaminación; outros o sitúan cara a mediados do século XX, cando a explosión de bombas atómicas esparexeu elementos radioactivos. ¿Ocórrenseche outras datas relevantes? ¿Cal elixirías ti e por que?
- Exercicio de imaxinación: escribe unha redacción sobre que pensarán da nosa civilización as persoas que vivan dentro de 5.000 anos. Pensa, por exemplo, sobre como utilizamos os recursos de materiais e de enerxía, sobre como construímos cidades, sobre a relación que temos co noso planeta ¿Que estudarán da nosa época os escolares dese futuro?