Lugo e Vilalba foron dúas das preto de 70 localidades elixidas pola plataforma en favor da lingua galega ProLingua para dar a coñecer onte a primeira publicación que editan, titulada 55 mentiras sobre a lingua galega . A obra, publicada por Edicións Laiovento, está coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costa s. Os escritores Paco Martín e Antonio Reigosa interviñeron no acto celebrado na Librería Trama, en Lugo; mentres que Luis Villares (xuíz de A Fonsagrada), Primitivo Iglesias (alcalde de A Pastoriza), Moncho Paz (xornalista), Antía Veres (estudante) e Ricardo Polín (profesor e investigador) tiñan previsto participar no encontro, na casa da cultura da capital chairega.
Dentro do ciclo de conferencias que organiza a asociación de alumnos IV Ciclo Universitario-Campus de Lugo, o vicerreitor Carlos Herrero Latorre ofreceu onte unha charla sobre matemáticas e clasificación dos alimentos. Na cita, que se desenvolveu no salón de actos da Escola de Formación do Profesorado, déronse a coñecer datos sorprendentes sobre as múltiples aplicacións que ten a ciencia na vida cotiá, como poden ser os produtos alimentarios do supermercado. Recepción a universidades membros do Erasmus. De Universidade tamén falou o alcalde de Lugo, José López Orozco , no encontro que mantivo cun grupo de representantes da EMECW (Erasmus Mundus External Cooperation Window), que onte visitaron o campus. O rexedor resaltou o papel da institución universitaria á hora de crear lazos entre países.