A ciencia loita coa neve no Courel

CIENCIA

O mal tempo entorpeceu o inicio das obras da futura estación biolóxica de Seoane, un proxecto que acaba de comezar a executarse despois de sete anos de espera

04 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de máis de sete anos de espera, as obras de construción da futura estación científica da Universidade de Santiago (USC) en Seoane do Courel víronse considerablemente entorpecidas polo mal tempo pouco despois de comezar os traballos, que onte puideron recobrar a normalidade despois de varios días de retraso.

As obras, conforme o previsto, principiaron o pasado día 25. A forte nevada que empezou a caer sobre a Serra do Courel o venres pola tarde impediu que ese día os arquitectos da USC inspeccionasen o lugar. O luns e o martes houbo que renunciar a traballar a causa da grande cantidade de neve caída nos arredores de Seoane durante a fin de semana. «Durante estes dous días non puidemos facer nada porque coa neve que caeu non se daba chegado á finca da estación biolóxica, nin os veciños da zona podían case moverse fóra da casa», sinala Lino Fernández, o xefe das obras.

Apesar destes atrancos, os traballos puideron ir avanzando. As operacións realizadas ata agora consistiron sobre todo en limpar a abundante maleza que cubría os terreos onde se construirá a estación, situados xunto á estrada LU-1304. que comunica Seoane con Esperante. Así mesmo, delimitouse a parcela que formará parte das instalacións universitarias, que ata agora só estaba sinalada cun letreiro. As obras despertaron a curiosidade dos veciños da localidade, que no seu día cederon terreos para que puidese construirse o centro de investigación científica e que estaban preocupados desde hai tempo polo retraso que padeceu este proxecto. «Á xente véselle contenta de que por fin empezasen as obras, porque levaban moito tempo esperando por elas», comenta Fernández.

Durante esta semana continuarán os traballos de acondicionamento do terreno e para a semana próxima está previsto iniciar os movementos de terra que será preciso realizar para construír o edificio, dado que a finca está ubicada nunha zona bastante empinada.

Acelerar os traballos

Ata finais de ano non se prevé facer avances considerables, debido ás condicións meteorolóxicas propias deste época e ao período vacacional de decembro. A partir de principios do 2009 espérase imprimir máis velocidade aos traballos, de maneira que o prazo de execución se reduza a once meses, segundo se comprometeu a facer no seu momento a empresa adxudicataria.

A USC ten a intención de pór en funcionamento a estación científica inmediatamente despois de que rematen as obras, a finais do ano próximo.

O centro servirá de base para realizar investigacións científicas en diversos campos -relacionadas principalmente coa biodiversidade da montaña lucense- e para albergar actividades académicas ao longo de todo o ano. Os promotores do proxecto esperan que a presenza continuada de investigadores, profesores e estudantes axude a revitalizar a economía da zona e que a estación universitaria funcione de forma coordinada co futuro parque natural do Courel.