Ciencias festexa dende onte os 35 anos da creación do Colexio Universitario e os 15 da fundación da facultade
20 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Facultade de Ciencias do campus de Lugo acolle dende onte unha tripla conmemoración: os 35 anos da creación do Colexio Universitario de Lugo no seu primeiro emprazamento na avenida de Madrid, os 25 da inauguración do edificio que despois albergou ese centro e que hoxe é a mencionada facultade, inaugurada hai agora 15 anos.
Con tal motivo, ao longo desta semana van ter lugar unha serie de relatorios, nos que intervirán entre outros o que fora reitor da Universidade de Santiago entre 1984 e 1990, Carlos Pajares Vales, quen abriu onte as conferencias. O programa de actos tamén inclúe intervencións de especialistas da Facultade de Humanidades, non en van esta sección compartiu instalacións coa de Ciencias ata que dispuxo de edificio propio. Ademais, esta tarde e a de mañá terán lugar sendas xornadas de física recreativa.
A inauguración oficial desta tripla conmemoración contou onte cunha nutrida representación de autoridades, entre as que se atopaban a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o de Coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano de Ciencias, Francisco Fraga; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o responsable de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, e o subdelegado do Goberno, Jesús Otero, quen destacou que o de onte era un día moi importante para os lucenses dunha época, xa que polo Colexio Universitario, «onde empezou realmente a universidade de Lugo», pasou unha boa parte da sociedade lucense.
Veiga sinalou que a creación do Colexio Universitario foi froito do traballo e o compromiso de moitas institucións, entre elas a Deputación. Pola súa parte, o decano de Ciencias, logo dos correspondentes agradecementos, pediulle á conselleira de Educación apoio para implantar nesta facultade titulacións que non existen actualmente no sistema universitario galego. Na súa intervención, Elías Torres referiuse ao de Lugo como un campus homoxéneo e ofreceu a colaboración da Vicerreitoría de Cultura para a organización doutros actos máis alá desta conmemoración.
O alcalde lembrou aos que puxeron en marcha o Colexio Universitario e aos que continuaron ese labor e manifestou o seu desexo de que a universidade se insira cada día máis na cidade. Carlos Herrero destacou o papel do mencionado centro como incubadora de titulacións, entre elas a de Veterinaria, e o espírito de superación e de colaboración daqueles primeiros anos. Para rematar, a conselleira recordou aos directores, profesores e alumnos que pasaron polo citado centro nas diferentes etapas e agradeceulles que cresen no campus de Lugo e que nel se podía facer docencia e investigación. Afirmou que «Lugo ten un campus verdadeiramente universitario».