Os científicos inician as análises dos materiais recuperados durante os meses de xullo e agosto nas escavacións realizadas en dúas covas de Becerreá e O Courel
15 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os integrantes do equipo científico que investigou durante este verán as covas de Valdavara -en Becerreá- e do Xato -no Courel- preparan un informe sobre estas escavacións que será presentado a finais de mes á Dirección Xeral de Patrimonio. Neste informe, que se publicará no seu momento na revista especializada Gallaecia , constarán os resultados do exame preliminar dos materiais achados nas referidas grutas. Estes materiais, por outra parte, continuarán sendo estudados en laboratorio durante os próximos meses, a fin de extraerlles toda a información que sexa posible.
Nesta nova fase da investigación intervirán especialistas en diversas áreas científicas que colaboran neste proxecto coordinado pola Universidade de Santiago. Unha boa parte da atención está centrada nos restos humanos e animais localizados nestas cavernas, que serán examinados polos paleontólogos Isabel Cáceres e Jordi Rosell, da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona. Algúns destes materiais serán sometidos a probas radiométricas para tratar de determinar a súa idade. Un dos sistemas utilizados será presumiblemente o do coñecido carbono-14 ou radiocarbono, aínda que presenta o inconveniente de que só serve para datar restos de menos de 50.000 anos.
Os científicos barallan tamén a posibilidade de empregar outro método de datación radiométrica, o denominado uranio-torio, para medir a antigüidade dunha concreción calcárea da Cova do Xato. Este material é unha formación estalagmítica, creada no chan da caverna polas filtracións de auga cargada de carbonato cálcico, e por debaixo desta camada apareceron numerosos restos de animais. Se se logra averiguar a antigüidade desta formación, poderá asignarse unha idade mínima aos fósiles que tapaba.
Vexetación primitiva
No laboratorio examinaranse ademais mostras de terra extraídas do subsolo das dúas cavernas, a diversos niveis de profundidade, que poden proporcionar valiosas informacións sobre a vexetación primitiva destas zonas en caso de que conteñan pole fosilizado. Así mesmo, estudaranse os restos vexetais carbonizados que foron desenterrardos o mes pasado na Cova do Xato -un traballo que corresponderá a especialistas na disciplina denominada antracoloxía- e as ferramentas líticas e as cerámicas recuperadas en xullo en Valdavara.