Reportaxe | Un proxecto científico en marcha A investigación do Paleolítico no sur lucense comprenderá a reconstrución do entorno natural en que se desenvolveron os antigos poboadores da zona
03 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.FAUNA CUATERNARIA. Na Universidade de Santiago gárdanse dous molares de mamut (en primeiro termo) que foron encontrados en 1961 nunha canteira do municipio do Incio ? proxecto de investigación do Paleolítico do sur lucense que comezou nas últimas semanas en Monforte non se limitará a buscar os rastros das poboacións humanas que existiron durante a prehistoria neste territorios. Aínda que unha parte importante do traballo centrarase na localización de industrias líticas e de posibles campamentos, tamén está previsto dedicar importantes esforzos ao que se coñece como reconstrución paleoambiental, isto é, a averiguar cómo era o medio natural en que vivían esas poboacións e a describir a fauna, a flora, a paisaxe e o clima da comarca de Lemos e dos seus arredores durante o Pleistoceno. Estudar o medio en que se desenvolveron os máis antigos habitantes da zona pode proporcionar datos moi importantes para interpretar os achados arqueolóxicos e para coñecer mellor a prehistoria galega. O catedrático Ramón Fábregas, director do proxecto, sinala que este iniciativa só poderá levarse a cabo nunha fase máis avanzada, cando se dispoña dun apoio económico suficientemente sólido. «Para levar a cabo unha reconstrución ambiental é preciso utilizar técnicas moi especializadas e estudar factores moi diversos, como a formación dos terreos e a evolución do clima e da bioloxía, polo que é necesario ter ben asegurado o financiamento », explica. Unha investigación deste tipo deberá desenvolverse nunha zona relativamente ampla. A depresión de Monforte, que segundo todos os indicios alberga importantes depósitos de útiles paleolíticos, non é en cambio un terreo moi adecuado para estudar o medio ambiente desas épocas remotas, xa que o solo ácido destrúe praticamente todos os rastos de restos orgánicos. Pero afortunadamente existe a posibilidade de estudar os terreos calizos das zonas montañosas situadas ao leste da comarca de Lemos, onde si é posible encontrar vestixios biolóxicos moi antigos. Os responsables do proxecto escolleron polo momento determinadas zonas situadas nos municipios de Triacastela, Becerreá e Castroverde, que se consideran especialmente axeitadas para este tipo de traballos. A súa intención é realizar sondaxes e escavacións nesas zonas coa intención de localizar fósiles de animais que poidan corresponder ás épocas en que foron elaboradas as ferramentas líticas que se están encontrando no val de Lemos. Precedentes Fábregas destaca as posibilidades da zona para estas investigacións e recorda que en diversos puntos da provincia xa se localizaron notables vestixios da fauna do Pleistoceno. Os únicos restos coñecidos dun mamut en Galicia proceden precisamente do sur lucense, máis concretamente do municipio do Incio. Mediante estes estudos espérase saber con máis precisión, por exemplo, cales eran as pezas de caza dos habitantes do territorio, ou cales eran os predadores cos que tiñan que competir, entre outros moitos pormenores. Cando o proxecto científico se encontre nun estado máis avanzado, por tanto, poderá ser posible elaborar reconstrucións debuxadas da paisaxe do sur lucense no Pleistoceno, nas que se mostren as diferentes especies animais e vexetais características de cada período.