«Este estudo carece de rigor científico»

La Voz M. S. | VILAGARCÍA

CIENCIA

ENTREVISTA | R. Dios

21 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?rala presentación do estudo que sobre a viabilidade da análise integral para detectar a toxicidade do mexillón elaborou a Consellería de Pesca, o sector reuniuse onte na sé do consello regulador co obxectivo de avaliar os resultados ofrecidos. Representantes das asociacións Opmega, Agame, Arousa Norte, Amegrove, Nova Arousa e San Sadurniño participaron nun encontro no que os responsables do consello explicaron as conclusións de Pesca. Unhas conclusións que, polo que parece, non lle gustaron nada ao sector. Ao enfado por non ser convocados á reunión, os representantes dos mexilloeiros engadiron a desilusión polos resultados. O presidente do Consello do Mexillón, Ramón Dios, foi o voceiro dese malestar. -O sector, por unanimidade, califica como «penoso» o estudo realizado polo Intecmar. Consideramos que este estudo carece de rigor científico, xa que o número de mostras realizado (23), así como que esas mostras se tomasen en só nove días, cando houbo dous meses e medio para facelo, parécenos unha tomadura de pelo. Do mesmo xeito, parécenos inaceptable que só catro desas mostras se fixeran polo sistema integral, que é o que se está a debater neste momento. -¿E que lles parece a proposta de Pesca, de que a aplicación das análisis integrais suporía unha modificación do protocolo con Sanidade e a introducción de mostraxes nas depuradoras ou nos centros de venda? -Iso nin sequera se chegou a tratar porque todo o mundo considera que o estudo non ten rigor algún. Non é fiable que falen dunha porcentaxe do 16% cando nin sequera se tomaron mostras. Un estudo faise polo menos con mostras. Outra cuestión, ademais, é que para a toxina PSP nin sequera hai conclusións. -¿Cal é logo a súa proposta? -O sector decidiu solicitar unha reunión urxente na consellería para tratar este tema, demandar máis datos e analizar o problema que está xurdindo no sector mexilloeiro, non só con respecto á toxina, senón sobre todo por algúns temas que apareceron nos últimos días, como é o dos long-lines.