Rigor científico

CIENCIA

NA ÚLTIMA | O |

21 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PARA OS QUE nunca fumos capaces de escribir entre as liñas rectas dos cadernos de caligrafía, a implantación masiva dos ordenadores e os seus procesadores de texto resultou unha auténtica bendición do ceo. Os lazos bonitos das consonantes e as vocais ben redondiñas convertíanse naqueles exercicios de caligrafía no que unha mestra deu en calificar como «desfile de moscas borrachas». As compañeiras do colexio soían ser máis aplicadas que os rapaces á hora de perfeccionar o trazo, pero resulta que esa non é a única diferencia. Elas, de nenas, e despois tamén de maiores, escriben distinto que os homes. Empregan pronomes e preposicións que crean unha relación máis próxima co lector. Eles, sen embargo, buscan mostrar os feitos dun xeito moito máis directo. Todo isto é a conclusión dalgún tipo de estudio que, seguramente cómpre matizar. Porque descubriuse o outro día, tamén por medio dun traballo científico, que non convén comer máis de dúas latas de zamburiñas á semana. Polo visto, unha parte do animal acumula os metais pesados que hai no medio mariño. Pero o estudio falla nalgo fundametal. Fala das latas, pero non di nada da empanada, que debería ser a medida natural para cuantificar cantas zamburiñas se poden comer. E que xa non hai rigor científico.