CARLOS CASARES Á MARXE
25 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Anda a xente moi sorprendida polo clima, recordando que o ano pasado, por estas épocas, levabamos xa máis de dous meses de chuvia sen parar. Unha veciña de aquí da aldea di que todo depende das lúas. Confeso que non entendo nada deso e que me pasa o mesmo que a aquel personaxe galego de Hemingway, natural de Lugo, que estando na fronte de Madrid, discutía cun compañeiro de Noia pola influencia das lúas, que tampouco el entendía. De cando en vez, Alfonso Zulueta dáme o parte meteorolóxico baseado nesa observación, que a el lle transmite un paisano de Aguete que sabe do asunto. Cando eu era neno, falábase moito do tempo e dos misterios que o rodeaban. Recordo que unha vez, o meu avó amosoume na rúa a un individuo do que me dixo que era tronador, é dicir, que atraía ou espantaba as tormentas. Polo visto, os tronadores, que noutras partes se chaman nubeiros, subían nas nubes para descargar os tronos onde máis lles gustara, polo cal recibían pagos dos veciños para que lles tornase a ameaza para outro lado. Creo que os tronadores subían nas nubes a través da columniña de polvo que provocaban mexando nos camiños en tempo seco. Quedan poucas persoas que crean nestas cousas, pero eso non quita para que tampouco crean nos homes do parte meteorolóxico. En xeral, a xente cre pouco na ciencia. ¡A que se vai armar para o ano 2126! O outro día lin que a fin do mundo ía ser o 21 de agosto dese ano, cando a terra sería destruída polo choque co cometa Swift-Tuttle. Agora, os científicos corrixiron os prognósticos e aseguran que o planeta se salvará por dúas semanas. ¡Menos mal! Non por nós, senón polos infelices que vivan entón.