«O noso obxectivo é superar a sexta praza da pasada campaña»

CDLUGO

MELANIE DE LA FUENTE

O técnico ourensán, que se estrea no banquillo do Escairón, é ambicioso de cara a liga que comeza mañá

07 sep 2017 . Actualizado a las 22:07 h.

O Atlético Escairón comeza mañá (12.00 horas) no campo municipal do Saviñao o campionato de liga do grupo norte da Preferente fronte ao Polvorín, filial do CD Lugo. Á fronte do proxecto estará o ourensán Anxo Valcárcel, que encara o reto con ilusión e con ambición. O técnico, que substitúe a Alberto López, ten como obxectivo superar o sexto posto da campaña pasada ou como mínimo sumar os mesmos puntos. Amosa a súa satisfacción polo plantel co que conta, aínda que espera completalo con dous futbolistas máis.Así, sería un equipo con vinte xogadores.

-¿Que sensacións ten a vinte e catro horas do inicio do campionato?

-Son sensacións moi boas, porque o meu equipo foi de menos a máis, e aínda continuamos crecendo. Iniciamos o campionato coa idea grupal do que traballamos e coa filosofía que aplicaremos ao longo da campaña.

-Vaia competición a deste ano.

-Sen dúbida, hai que recoñecer que será unha das máis difíciles dos últimos anos. Ese grado de dificultade apórtanllo varios equipos que descenderon de Terceira División, e que esta temporada loitarán por ascender de novo. Algúns dos rivais máis complicados serán o Ordes, As Pontes, o Polvorín e o Estudiantil.

-¿Cal é o obxectivo do Atlético Escairón?

-No corpo técnico somos ambiciosos, e o noso obxectivo é facer mellor campaña que a pasada. Queremos superar o sexto posto da liga 2016/2017 e facer máis puntos. O plantel está con moita ilusión e motivado, polo que coido que estaremos a un nivel óptimo.

-De todos os xeitos, a permanencia estará cara, tendo en conta o nivel da competición.

-Entendo que esta temporada será moi difícil que descendan tantos equipos como aconteceu o ano pasado. Haberá máis no grupo sur.

-¿Cómo será o Escairón de Anxo Valcárcel?

-Un equipo que fará unha segunda volta moi boa. Traballaremos con varias ferramentas, é dicir, fútbol combinativo e directo. Logo, en función dos rivais e dos campos cos que nos atopemos, aplicaremos unha fórmula ou outra. Pola calidade do plantel que teño poderíamos aplicar fútbol de toque, pero estamos xa no comezo da competición. Un equipo nesta categoría ten que contar moitos recursos.

-¿Ten Anxo Valcárcel o plantel que quería?

-Temos unha plantilla bastante mellorada. Xa contabamos cun bo grupo, e agora os reforzos que chegaron son de nivel e marcan as diferenzas. É certo contamos cun plantel corto, polo que nas vindeiras semanas chegarán dous futbolistas máis. Quero ter vinte xogadores. Hai que destacar que se trata dun plantel de calidade e equilibrada, que nos dará moitas alegrías.

-Mañá chega ao Saviñao o Polvorín, ¿que encontro espera?

-Será un partido complicado, porque enfronte teremos un adversario que sae a competir co obxectivo de ascender a Terceira División. Queremos sumar os tres puntos, porque xogamos na casa e sería unha inxección de moral importante despois dunha pretempada complicada.

-¿Onde estará a clave para sumar a primeira vitoria?

-A clave estará en saír superconcentrados e aplicar o que traballamos nos adestramentos.

-¿Preocúpalle xogar as doce do mediodía?

-Para nada. Se gañan, os xogadores terán toda a tarde de mañá para gozar.

-¿Conta con todo o plantel?

-Terei as baixas de Manu Carreira, que arrastra unha sanción da tempada pasada, e de Meji, que sigue lesionado. Tamén é dubidosa a presenza de Iago e de Caio.

-No eido persoal, ¿como encara a liga o míster?

-Estou moi contento e motivado, arrancando de cero e con moitas ganas de facelo ben. Quero agradecer o trato exquisito que recibo da directiva e dos futbolistas, que son excepcionais.

-¿Que mensaxe lle envía aos afeccionados?

-Que apoien a este magnífico grupo de futbolistas, que se entregarán ao máximo polo club.