«A Costa da Morte é lugar de acción»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Alberto Mancebo presentou por vez primeira a súa nova obra. Na imaxe, con Ana Gayoso
Alberto Mancebo presentou por vez primeira a súa nova obra. Na imaxe, con Ana Gayoso BASILIO BELLO

Soneira está detrás de moitas das obras presentadas no Vimianzo M.O.L.A.

07 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribir algo que se vaia ler, e ler moito, non está case nunca só na man de quen escribe. Pero escribir algo «honesto» e probar sorte si, e iso foi o que fixo a lucense Nerea Pallares con Punto de araña, Premio García Barros 2025, obra xa publicada en galego e castelán, merecedora do Follas Novas, traducida ao catalán e, en tempos vindeiros ao inglés, francés, italiano, grego, alemán, portugués e holandés. Así o adiantou este sábado no festival Vimianzo M.O.L.A. e iso supón que a todos eses lugares chegará o universo Camariñas do que se empapou para documentarse e no que ela sitúa esta súa obra asentada na relación entre o tecido e a linguaxe. Non concibía, dixo, outro tecido que non fose o encaixe. Noutra capa do libro está o sostén do mundo, as mulleres. Motivadas por un feito tráxico (a min non me matan unha filla en balde, ben o sabe Dios), esas palilleiras deciden parar, colgan o labor o día do Carme para reclamar a súa voz.

E se elas, as mulleres, en verdade parasen? É a pregunta que cruza toda a obra, que precisamente levaba por título provisional Se o tecido cesa. Non se deixou de palillar no castelo vimiancés mentres Nerea falaba, e así dixo vivir con ledicia e sorpresa toda esta tremenda acollida da súa novela debut logo de dous libros de relatos previos, Sidecar e Los ritos mudos. Espazos, costumes, oralidade, toponimia, a paisaxe como personaxe... todo iso está en Lita, Xela, Catuxa ou Cruz, as mulleres desta novela coral que, xunto con Ari e outras, son «todas as mulleres», «as grandes ausentes», as que por unha vez se preguntan que queren. Elas. Non hai realidade máis real e, fronte a iso, a deidade, o fantástico de tres vellas, tres arañas tecedoras que veñen de atrás e que lle poñen fin a iso de «coser e calar». E logo dunha obra con este éxito que? Pallares teno claro: «Seguir escribindo».

Nerea Pallares, durante a conversa sobre Punto de araña
Nerea Pallares, durante a conversa sobre Punto de araña BASILIO BELLO

É a Costa da Morte territorio de inspiración e creación. Río Grande, o novo de Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo), así o acreditou tamén, neste caso en conversa con Rosalía Fernández Rial, carballesa-muxiá, filla de vimiancés de Bamiro, e igualmente cunha obra marcada por esta terra: «Onde máis escribo é en Muxía, o mar está en todo o que fago». Lema volveu o sábado a unha fortaleza que foi espazo do seu primeiro recital, no inicio dos 90, e fíxoo para presentar o seu retorno á poesía, un ollar poético «que non sempre ten que portar boas noticias», que ás veces é áspero e proe, e que Rosalía cultiva na vida sexa como docente, música, narradora ou creadora de textos teatrais para a adolescencia, caso de Fóra de Campo, premio Vidal Bolaño 2024 e libro que levaba ao Vimianzo M.O.L.A. Porque poesía pode ser, só, «atoparnos». Ter vontade artística, ser lucecús na globalización. As redes e os seus perigos, o control sobre as rapazas, a identidade ou a sororidade, a rede tecida en conxunto e máis necesaria ca nunca, están nesta obra da autora. Liñas, as dun escritor e as do outro, que deron pé a reflexionar sobre avances e retrocesos sociais, compromiso, «literatura como acto de resistencia» ou lingua galega. Que este idioma xa non sexa o máis falado en Galicia foi unha das pulsións que levou a Lema a este libro. Revertelo é cuestión de «vontade», conciencia «e non votar pola nosa extinción». Cun 83 % da súa poboación co galego como lingua habitual, a Costa da Morte é «reserva, refuxio, lugar de acción», manifestou Rosalía.

Alberto Lema e Rosalía Fernández, en conversa sobre as súas publicacións
Alberto Lema e Rosalía Fernández, en conversa sobre as súas publicacións BASILIO BELLO

O local universal

A idea do local universal impregnou asemade a derradeira xornada do segundo Vimianzo M.O.L.A., onte, un domingo que ao peche desta edición andaba a rematar con memoria, e memoria histórica, a cargo de Montse Fajardo, Luís Lamela e Luís Sánchez. Antes, o fisterrán Manuel Canosa Trillo presentara o seu Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela, e o vimiancés José Pardiñas Alvite asinara exemplares de En vísperas de nada, ensaio do rural, tributo ás súas xentes, ao humilde, aos valores. «Nunca mellor sitio para este libro que a casa dos Moscoso», dixo Manuel. Se Lope foi un farsante ou en verdade vizconde de Finisterre, agora os asistentes xa o poden saber, mais cómpre ler esta extensa e documentada obra que se centra en dous anos dubidosos deste home (1473-1475) do que ningunha evidencia arqueolóxica hai do seu enterramento. Si hai firma documentada como vizconde, precisamente, neste castelo soneirán.

Manuel Canosa Trillo.
Manuel Canosa Trillo. BASILIO BELLO

José Pardiñas Alvite, coa alcaldesa, Mónica Rodríguez.
José Pardiñas Alvite, coa alcaldesa, Mónica Rodríguez. BASILIO BELLO

Ao rural e á súa idiosincrasia mira tamén precisamente Os tres nomes da Sartegua, o novo de Alberto Mancebo, saído á rúa hai uns días con Xerais. Vimianzo é onde se desenvolve a ficción e Vimianzo, terra do autor, foi a primeira presentación pública da novela. «Quería falar do meu concello, escribir unha historia rural, e unha historia que nos interpelase a todos, que incluíse ademais a nosa oralidade, a nosa fala [un personaxe máis]», contoulle o xornalista a Ana Gayoso, a comunicadora que tamén se recoñeceu vimiancesa de corazón e que lle tirou do fío.

Alberto Mancebo, coa súa nova obra
Alberto Mancebo, coa súa nova obra BASILIO BELLO

Xuntos foron dando cadra desta publicación que transcorre con Elisardo, Valentín e Ramón no centro. Nunha aldea, Cadullo, na que renden culto católico, senón á Sartegua, un ser dotado de poder: «Non é novela fantástica, quero dicilo, os problemas destes homes son moi reais», dixo Alberto. Moitos veñen dos silencios, da incapacidade comunicativa. Algo que non quede por dicir: «Temos moita sorte con este Vimianzo M.O.L.A., non hai algo así en todos os lados», afirmou.