Carlos Camiño, novo cura de Laxe: «Son de moito falar e moverme»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Carlos exerceu como diácono en Cambados
Carlos exerceu como diácono en Cambados Martina Miser

O vimiancés, que toma hoxe posesión, suma 425.000 quilómetros no seu Skoda

04 mar 2024 . Actualizado a las 01:01 h.

Carlos Camiño Lema (Cambeda-Vimianzo, 1983) toma hoxe posesión como novo cura de Laxe e das parroquias de Serantes, Nande, Traba e Sarces, ademais de Soesto. Será cunha misa ás 18.00 horas na igrexa de Santa María da Atalaia, á que acudirá o vicario de Santiago, Juan González-Redondo. Sucede así no cargo a Juan José Bermúdez, que foi para Boiro e Rianxo.

—Está nervioso?

—Non, pero é unha celebración que ten o seu traballo, os seus detalles. Entón, para que saia ben, é necesario estar pendente de todas esas cousiñas. Vai haber coro, lectores, procesión se non chove, e outros ritos que levará a cabo o vicario dentro desta liturxia especial.

—Como recibiu a nova?

—Ao principio sorprendeume un pouco, aínda que era unha ilusión que tiña. Suponme unha alegría moi grande, tamén por estar preto da casa. Téñolle un cariño moi grande a estas terras.

—Vén da unidade pastoral de Oroso, Frades e Ordes, e xa antes estivo na de Malpica-Ponteceso. Agora asume un concello.

—Unidades pastorais, agora, practicamente van ser todas. En ambos casos, estaba eu só de cura. Pero sempre se trata de facer o noso traballo dende a humildade e o aprecio e a colaboración cos fregueses. E axudar a achegarse máis á igrexa e a Deus, que é o noso cometido.

—Como se plantexa esta nova etapa?

—De momento aínda estou pechando asuntos das parroquias que deixo para o novo sacerdote que veña. Quérolle deixar as cousas ben feitas como a min mas deixou Juan.

—No seu primeiro destino, foi cubrir unha baixa temporal. No segundo, xa foi definitivo. Fixo algunha iniciativa destacada?

—Nestas últimas parroquias houbo que comezar de cero: iniciar a catequese, a Semana Santa... Os fregueses foron moi colaboradores. Nas confirmacións que levamos a cabo en decembro do 2022 foron 54, algo que impactou e animou. Todo dependeu das catequistas, dos sancristáns, porque un só non vai a ningún lado.

—O seu antecesor en Laxe, por exemplo, introduciu con éxito as redes sociais na comunidade. Pensa seguir con elas?

—Sobre o que hai, só se pode mellorar. Para min é unha marabilla saber que é unha comunidade tan activa.

—Estas novas ferramentas axudan a conectar cos novos tempos.

—Si, por suposto. Nestas parroquias que deixo fóronse unindo unhas 600 persoas na rede. Axudou moito nos inicios.

—E onde se vai asentar?

—En Vimianzo e Laxe.

—Ordenouse párroco no verán do 2021. Foi o primeiro na súa parroquia dende o 1951. Que tal está sendo a experiencia?

—Ás veces pénsase que hai moitas cousas que non son compatibles. As vocacións están nun momento complicado. Pero eu que son de moito falar, cando a xente se che acerca con moitos problemas, pois dis: que ben poder colaborar e sacarlles un sorriso. Axuda moito nese sentido. Neste pouco tempo que levo, vin moitas situacións xa de todas as idades. É moita responsabilidade, pero iso é ser pastor.

—Nunca está de máis recordar ese labor, pois hai quen só os asocia con misas e pouco máis.

—Non o poden ver como algo separado. Estamos sempre coas portas abertas, non só a igrexa como edificio, senón de aí para fóra. Temos que ser empáticos para lograr esa conexión.

—Di que fala moito. Canto duran as súas misas?

—[Ri] Os domingos, está calculado: media hora. É importante centrarse.

—Ten dito que dende neno se viu atraído polo mundo relixioso. Pero, finalmente, foi algo que retrasou.

—Dende que fixen a primeira comuñón, dende que colaborei na parroquia, fixeime moito nas celebracións do sacerdote José Barros. Pero aí se quedou porque fun para A Coruña estudar Filoloxía galega. Non era o momento de acudir a esa chamada. Fixen o máster de secundaria e dei clases en Fonteboa [Centro de Promoción Rural-EFA, en Coristanco] e nunha academia en Ponteceso. Despois, volveu rexurdir en min e é unha alegría. O seminario foi unha marabilla, e os sete anos de formación tamén serviron para seguir adiante con ánimo. Unha tarefa que Deus quere que fagas, fala con moita ilusión porque confiou en ti. A felicidade absoluta logreina sendo cura e iso tamén o quero transmitir. Isto é moito máis: unha fe para ser resolutivo.

—Cada vez hai menos curas e menos fregueses. Como considera vostede que se pode reverter esta situación?

—Sempre pode haber outros mecanismos para atraer á xente. O único que fai falta é achegarse e levar alegría. Moverse, moverse! Ter iniciativa. Hai que adaptarse ás novas xeracións. Non é imposible, é algo que hai que traballar. Coidar os detalles sempre é moi importante. Eu todas estas inquietudes débollas ao meu párroco, Daniel Turnes: as preguntas, a paciencia...

—Que é o que máis lle gusta de ser sacerdote?

—Celebrar piadosamente, con ese respecto, silencio e oración, cando todo sae ben; falar coa xente e que estean contentos.

—Bota algo de menos da anterior vida?

—Non, porque son unha persoa que se estou nunha cousa e lle collo cariño, xa non se me despexa. Agora mesmo sentiríame estraño noutras circunstancias. O de atrás queda no recordo.

—Que afeccións ten?

—Son moi viaxante. Incluso cheguei a tocar con persoas que non son practicantes. Xa lle digo: o meu é moverme. É a miña esencia, xunto coa alegría e a proximidade. De feito, o meu coche, un Skoda, xa ten 425.000 quilómetros. Grazas á vocación volvinme, tamén, máis detallista.