Vimianzo adoba as Letras Galegas con música, educación en valores e orgullo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Luis Vallecillo, onte, con escolares de Vimianzo no auditorio municipal
Luis Vallecillo, onte, con escolares de Vimianzo no auditorio municipal Ana García

A localidade de Pasarela será hoxe, un ano máis, o epicentro da celebración cultural desta xornada na capital de Soneira 

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

éxito da programación cultural de inverno no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, tanto para adultos como para público infantil, precede á celebración dun día coma o das Letras Galegas. Quere iso dicir que a cultura non foi só prato dunha soa xornada, e que nos meses que veñen de concluír tivo a capital de Soneira unha das programacións estables de máis calidade na Costa da Morte, converténdose a vila, como tamén revindicou o Concello, en «dinamizador» do entretemento na comarca. Mais sexa como for, hoxe é 17 de maio, xornada das Letras Galegas, e en Vimianzo non faltará a festa. O epicentro da velada será, como xa vén sendo hai tempo, a localidade de Pasarela, na parroquia de Calo. Son anos os que alí veñen traballando para celebrar esta data. Así volverá ser hoxe, cunha organización asumida pola Asociación de Veciños de Pasarela (Asvepa), mais con toda a colaboración do consistorio, que para onte tamén programou, destinado a público escolar do municipio, o espectáculo Cantares das letras, a cargo de Luís Vallecillo.

En Pasarela xuntaron boa música para o encontro que dará comezo hoxe ás catro da tarde. A banda Maruxía (Laxe), Jacinto Paredes e os seus acordeóns, Airiños do Río Grande, Os Tombalobos, Os Sapapusios e a Pasarela Big Band, todas elas agrupacións ligadas ao ámbito local, integran o cartel de actuacións deste acto que terá como presentadores a Paula Mouzo e Damián Álvarez. Unha Pasarela de letras e música, chea de vida, que consolida a idea que inspira Recunchos, ciclo de andainas que bota a andar hoxe mesmo con Entre Carnés e Cereixo. Unha das rutas pasará precisamente por Calo, que dende onte ten nova parada obrigada, logo de terse instalado na antiga escola unha placa que lembrará para sempre o paso da mestra Elisa por ela. 

Ana García

Unha placa en Calo para visibilizar, e nunca esquecer, a Elisa e Marcela

En véspera das Letras Galegas, na localidade de Calo, o Concello de Vimianzo inaugurou este martes unha placa na antiga escola da localidade, onde Elisa Sánchez Loriga impartira clase. Elisa e Marcela Gracia Ibeas, mestras, conformaron o primeiro matrimonio homosexual da historia de España, no 1901, e Vimianzo non quere esquecer o seu peso na historia destas dúas pioneiras. Mónica Rodríguez, alcaldesa; María José Pose, edila de Benestar Social, e Rosa Blanco, concelleira de Cultura, tomaron parte nun acto no que tamén estiveron presentes, ademais de María, actual propietaria da casa, Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, piares da compañía teatral A Panadaría: dende hai seis anos xira coa obra Elisa e Marcela, da que emprenden agora, deica xullo, a súa despedida nos escenarios.

«Para nós é moi especial que un concello como Vimianzo, que ademais nos apoiou dende o principio, cando empezamos co espectáculo, dea agora un paso máis cara a visibilidade de Elisa e Marcela», comentaba este martes Areta de camiño a Soneira. A colocación desta praca enmárcase na estratexia municipal en pro da igualdade, a inclusión e prevención de violencias, na que tamén se encadra a programación conmemorativa do Día Mundial do Orgullo LGTBIQ+, o 28 de xuño, dada a coñecer xustamente nesta xornada.

É aí onde, por suposto, non podía faltar unha das funcións desta xira de despedida da obra máis premiada de A Panadaría. Será o 14 de xuño, ás 12.00, no auditorio, co alumnado do IES Terra de Soneira como público preferente, mais posibilidade de acudir de xeito particular enviando unha solicitude a cultura@vimianzo.gal. Antes, ás 10.30 horas, terá lugar a mesa redonda Elisa e Marcela, o cumio do iceberg, coa participación de Gena Baamonde, dramaturga e directora, precisamente, da obra Elisa e Marcela; Eva Mejuto, escritora, xornalista e editora literaria, e Daniela Fernández, investigadora, activista e autora do libro A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Memoria, arte, reflexión, diálogo e visibilidade nunha conversa á que o estudantado da ESO chegará preparado, en tanto que de xeito transversal traballará as vindeiras semanas nun caderno pedagóxico facilitado dende A Panadaría: prexuízos, linguaxe, diversidade... Unha ponte entre dous referentes de comezos do século XX e a actualidade. Tanto a función como a mesa redonda forman parte da programación do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero.

Ana García

Areta Bolado: «Casaron nunha cidade grande, pero viviron o seu amor no rural»

A de Vimianzo será a única función na Costa da Morte dentro da xira de despedida de Elisa e Marcela. Pasará A Panadaría por Murcia, Madrid, Valencia, Alicante, Salceda, Rianxo, Santiago ou Pontevedra, entre outras moitas localidades, mais Soneira será «especial», porque esta terra, como Coristanco ou Dumbría, tamén o foron para as mestras: «Vimianzo suporá case pechar un círculo, e ademais cunha función escolar, porque o espectáculo case que comezou aí. Elisa e Marcela casaron nunha cidade grande, A Coruña, pero viviron o seu amor no rural». Así, xunto con esta na comarca, outras dúas localizacións teñen encantadas á compañía: Casa Lourán, en As Restrebas, preto das Fragas do Eume, e Granxa Maruxa, en Monterroso. Simbólica tamén a función prevista no Teatro Rosalía coruñés, a 300 metros de onde Elisa e Marcela contraeran matrimonio.

Recoñece Areta que teñen unha sensación «agridoce» ao darlle o adeus a esta peza, estreada no 2017 e posuidora de case unha ducia de premios, entre eles varios do público ou o de Mellor Espectáculo nos María Casares 2018. «Foron unhas 270 funcións, pasou moito tempo, as circunstancias da sociedade son diferentes e pensamos que era o momento. Se fixeramos o espectáculo no 2023, e non hai seis anos, sería distinto». Porque se avanzou? «A historia non é liñal, un paso adiante, un paso atrás», di Areta. Unha lei trans que garante máis dereitos e despatoloxiza este colectivo, pero unha Coruña na que asasinaron ao berro de «maricón» hai só dous anos a Samuel Luiz.

Ana García

Vimianzo percorreu centos de teatros nesta peza de A Panadaría, que agora trunfa con As que limpan. De camiño a Dumbría logo de casar, Elisa e Marcela paran en Soneira «a facer pis», ri Areta. Pero ten o seu aquel, porque Elisa tivera que adoptar apariencia e rol de home [Mario]: «Marcela dille: ‘De pé, de pé’». A destas dúas mestras foi unha historia de dramas e violencias, «pero cremos que tiveron que botarlle moito humor e optimismo para facer o que fixeron», di a actriz. «Pertencemos ao colectivo LGTBI, sabemos o que é que conten as nosas historias dende a traxedia, queriamos facer un espectáculo dende a celebración que foi a súa vida, o humor para resistir», reflexiona Bolado. Unha comedia que achegou unha historia extraordinaria, mais por moitos descoñecida, sobre todo aquí onde aconteceu, pese a ter sido divulgada ata en chino.