A coroa do 3K de Correndo pola Costa, a disputa entre dous vimianceses que volven a casa

Antón Lestón
antón lestón CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Anxo Lado gañou nos últimos metros a Damián Álvarez na proba de 3K do Correndo en Camariñas
Anxo Lado gañou nos últimos metros a Damián Álvarez na proba de 3K do Correndo en Camariñas BASILIO BELLO

A carreira deste domingo en Vimianzo será a segunda cita do circuíto 2023

14 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa marcada ausencia de Martín Regueira e Víctor Ramos, que dominaron o circuíto 3K durante todo o 2022, este ano abríase unha vacante que facía prever disputas ben fermosas para acadar este título do Correndo pola Costa 2023. E os presaxios non tardaron en facerse realidade. Xa na primeira carreira, hai un mes en Camariñas, deuse un dos duelos que ameazan con repetirse en máis ocasións. Entón, Anxo Lado bateu a Damián Álvarez nos últimos metros, subíndose por primeira vez ao máis alto do caixón.

Este domingo, os dous amigos volverán a atoparse na súa casa, Vimianzo, para enfrontarse nun dos percorridos máis rápidos de todo o circuíto. «Algún pique sempre hai, pero somos máis compañeiros que rivais. Iso se estamos na última recta intento apretarlle», comenta entre risas Anxo Lado (Vimianzo, 2000), que pese á súa xuventude xa é adestrador persoal e readaptador deportivo no ximnasio municipal de Cee. Alí, de feito, coincide moitas veces con Damián (Pasarela, Vimianzo, 1992): «Fago con el moitas das sesións de forza e compartimos consellos e falamos de estratexias. Creo que nos melloramos mutuamente», confesa o modelo e empresario, que estas últimas semanas non puido adestrar todo o que lle gustaría: «Coa Mostra do Encaixe levo dúas semanas sen correr, e de pasar tantas horas de pé doen ben as pernas».

A súa última actuación, non obstante, non deixou lugar a dúbida respecto ao seu estado físico, pois impúxose no duatlón popular organizado, precisamente, en Vimianzo hai dúas semanas.

«Non creo que chegue como para competirlle a Anxo, que vendo o ben que adestra xa se sabía que ía ser un dos candidatos ao título», admite Damián, que comezou a correr para queimar músculo cando comezou a súa carreira de modelo, que lle instou a seguir con este deporte: «É o máis cómodo de practicar cando viaxas moito». Ata o ano pasado non estivo inscrito no circuíto xeral, no que logrou un cuarto posto. Algo similar lle sucedeu a Anxo, que volveu correr no 2022: «Comecei con 17 anos grazas a Javier Novo, que foi o meu adestrador e agora é meu compañeiro de traballo, pero deixeino e o ano pasado xa quixen apuntarme para competir en varias probas e retomalo un pouco», di o campión en Camariñas.

Ambos quedaron namorados co evento ás primeiras de cambio. «Sénteste moi querido alá onde vaias, ademais de que é unha forma de turismo moi bonita. Como produto é un tremendo mérito dos técnicos deportivos que ademais chama a xente máis sedentaria a poñerse en marcha», di Damián. «O ambiente é o mellor de todo» continúa Anxo, que desvela unha das razóns que lle fixeron gañar en Camariñas: «Favoreceume que o traxecto fose curto porque eu prepárome máis para distancias curtas de 800 ou 1.500 metros, mentres que Damián fai máis quilómetros».

Haberá que ver se a Damián lle deu tempo a recuperar, pero todo apunta a que dous vimianceses serán os que se disputen a coroa do 3K correndo na casa.