Gustavo Couto, Carapaus: «A tradición ten parte de conservación e revolución»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

A agrupación actuará este mediodía na Casa da Cultura de Baíñas, como parte do programa cultural A Costa da Vida

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai achegándose á súa fin o programa de dinamización cultural A Costa da Vida, en Vimianzo, mais de momento quedan citas para reunirse e pasalo ben, como se vén facendo ata o de agora. Hoxe mesmo hai unha, ás 13.00 na Casa da Cultura de Baíñas. Alí actuará a agrupación Carapaus, tendo como anfitrioas ás pandereteiras de Baíñas. Coma sempre, con acceso de balde e petiscos de por medio. Dende Carapaus falou Gustavo Couto en Radio Voz Bergantiños:

—A Carapaus englóbano na categoría de «folk-trad». Díganos, isto que viría sendo?

—[Ri]. Pois non o sei, a verdade, como agora hai que poñerse etiquetas para todo... Nalgún momento catalogáronnos como un grupo de música tradicional moderna, noutros festivais víronnos como os máis tradicionais de todo... Así que non sabería que dicir [ri]. Facemos música tradicional, pero dándolle o noso xeito, non sei se máis moderno, pero si con letras en torno á actualidade que vivimos no país, o cambio social... Entendo que a etiqueta virá de aí, andamos entre o tradicional e o folk.

—Santiago, 2010, ese é o ano de nacemento da agrupación. Quen son e que instrumentos sosteñen a esta agrupación?

—Dende o 2010 tivemos unha variación de compoñentes grande. Son moitos anos, somos un grupo profesional, que traballa moito no verán, e ao final a vida de cada un vai mudando. Fundamos Carapaus tres persoas, logo fomos un quinteto, chegamos a un sexteto... e dos tres fundadores quedamos dous. Eu, que son unha das voces e percusión, e Oli, á frauta. Logo temos gaita, con Pablo Fernández Rial, de Cangas. De Cangas tamén vén o acordeonista, Iago, e ao meu lado está ademais outra voz e percusionista, veciña miña, de Laraño, Cristina. No saxo, e na voz tamén, temos a Natalia, de Cambre. Repartidos.

—«Somos ghaiteiros, somos revolusionarios»: o seu lema.

—Cambiámolo! Agora é: «Somos ghaiteiras, somos revolucionarias». Xusto polo que comentaba, de intentar ir cos tempos, falando do que sucede na sociedade, e o que está a suceder nela, por sorte, é que imos cara o empoderamento da muller.

—A tradición é revolución?

—A tradición ten unha parte revolucionaria, e unha parte de conservación, pero esa conservación toda a vida foi cos tempos. Ten un proceso de selección moi grande. A xente, de sempre, conservaba o que quería e dáballe as voltas que estimaba. O que chegou ata nós foi o que a xente quixo que chegase, nin máis nin menos. E isto vénme ben para explicar o noso cambio de lema e o que queremos que chegue, o de gaiteiras.

—Que traen para Baíñas?

—Estamos co espectáculo do noso último disco, Camiño da vida tola, e é o que levamos. Pezas tradicionais, tamén composicións propias, letras tradicionais e letras nosas, sobre o empoderamento da muller, os problemas de emigración, a fuga de cerebros, como se moven as foliadas ultimamente, que sucede nelas, falamos tamén de amor... e de escarnio...

—Como ven logo as foliadas?

—A pregunta do millón. Véxoas moi ben e fagas o que fagas tes xente, incrible. Logo do confinamento todo o mundo quere socializar, bailar, aproveitar todo por se chega outro golpe destes.

—Que lles parece a filosofía deste ciclo, A Costa da Vida?

—Repasamos un pouco o programa por encadrar o concerto e pareceunos moi interesante que un Concello faga un programa coma quen di anual, estable, baseado en cultura do país e, boa parte desta, tradicional. Encantados de ir, e que siga.

—A Vimianzo xa viñeran nun Asalto ao Castelo, ano 2018.

—Fomos na véspera do día grande, se non me equivoco, e xa só por tocar nese entorno do castelo... Unha chulada.