«'Nevermore' é un berro de esperanza»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

SANDRA ALONSO

A VIVA VOZ | Chévere leva a Vimianzo un ambicioso «exercicio de memoria» teatral do Prestige. Será un dos derradeiros lugares en Galicia nos que poder ver esta obra na súa versión completa

18 ene 2023 . Actualizado a las 19:42 h.

«Un berro de esperanza», nada menos. Semella que o teatro se leva moi ben co outono e, mañá mesmo, haberá unha destacada cita coa dramaturxia en Vimianzo. Ao escenario da Casa da Cultura (20.30, entradas en woutick.es ou ben dende unha hora antes en billeteira) subirase a compañía Chévere. Farao coa obra N.E.V.E.R.M.O.R.E, a caixa negra do Prestige. Asunto, pois, moi de actualidade, polos vinte anos da catástrofe. Fala da peza Xesús Ron, director:

—Marzo de 2020, ás portas do confinamento, e comezan a traballar na obra. Por que nese intre?

—Cadrou así. Este proxecto parte dun encargo do Centro Dramático Nacional, que nos convidou a coproducir unha obra para estrear en Madrid. Nós propuxemos traballar sobre este tema, unha idea latente dende había tempo e que nalgún momento quereriamos levar ao escenario. Pareceunos o intre oportuno, ofrecíanos a posibilidade de afrontar unha produción ambiciosa, cun formato grande, e que tivese visibilidade non só en Galicia, senón no resto de España. Iniciamos a investigación, rememorando, documentándonos... e aí é cando se declara o estado de alarma, o cal tamén nos serviu para colocar este exercicio de memoria sobre o Prestige desde un presente impactado pola pandemia.

—A obra, din, é «un conxuro para desfacer o feitizo que segue rodeando a catástrofe do Prestige». Simbólico dende logo traer esta peza á Costa da Morte cando se cumpren 20 anos dos feitos.

—Si, para nós é importante poder presentar a peza na Costa da Morte. Polo formato da obra é difícil, porque xoga moito coa tremoia, colgando moitos elementos de escenografía das varas e provocando moito movemento. Cousas que suben, baixan, desaparecen... Precisamos un teatro que teña funcionando toda a súa maquinaria e cada vez hai menos que dispoñan destes recursos. En Vimianzo, aínda sendo un pouquiño máis pequeno, penso que conseguiremos meter todo tal e como foi concibido. Que sexa un 19 de novembro, nos 20 anos exactos do afundimento, parecíanos unha data suficientemente simbólica para presentar isto ao público aí, na comarca.

—Drama, esperanza, humor...

—Logo de máis dun ano percorrendo España con esta peza, parécenos que facer este exercicio de memoria sobre o Prestige era necesario. A reacción do público así nolo demostrou. O Prestige representa a resposta colectiva cidadá fronte a unha crise e diante dunha situación de abandono gobernamental. Foi a sociedade a que saíu á rúa e ás praias, autoorganizándose e provocando unha mobilización de solidariedade e dignidade. Unha lección que nun momento coma o actual, no que se quere polarizar cada vez máis ás persoas, e no que se deu logo da pandemia un illamento, nos parecía oportuno recuperar. Axudámonos uns aos outros e o abrazo converteuse case nun símbolo da resposta cidadá. O Prestige significou, tamén, unha catástrofe derivada do uso e abuso dos combustibles fósiles, que están levando ao planeta a un afogamento e unha crise climática sen precedentes: por iso nos parecía ben oportuno facer memoria: estas cousas non pasan por casualidade, senón que están ligadas a todo o que pon en perigo a supervivencia.

ANA GARCIA

—E aprendemos algo disto?

—N.E.V.E.R.M.O.R.E é un berro de esperanza. Estivemos xuntos, fomos fortes, podémolo facer. Tratámolo de crear dende unha visión positiva, pero dende logo repasando todos os episodios daquela crise. O tráfico marítimo e as ameazas que seguen, os feitos, as decisións... Moita xente nova que se está achegando ao espectáculo sae sorprendida do mal que se xestionou aquel momento.

—Vimianzo, A Coruña... e logo acabouse a obra en Galicia.

—Estreouse en setembro do 2021 e a intención era tela en cartel unha tempada. A acollida foi espectacular e en Galicia a resposta do público emocionante. Os teatros convértense nunha praza, coa xente ao final en pé berrando de novo nunca máis. Por iso decidimos mantela, agora faremos estas dúas últimas funcións en Galicia do que é a súa versión completa, e logo teremos algunha data en marzo fóra. O que pasa é que, por peticións de concellos que non teñen teatros con tremoia, traballamos nunha versión adaptada, mantendo as escenas, para que no primeiro semestre do 2023 poida chegar a espazos máis pequenos. No caso de Vimianzo, a nosa idea ao rematar é convidar ao público a un diálogo. Invitamos a persoas das que recollemos o seu testemuño para a obra, caso de Viki Rivadulla, David Trillo, Emilio Roca...

—Teñen de música o Maneo de Cances da Vila ou a Muiñeira de Silván. Bergantiños e Costa da Morte polos catros costados.

—Si, tamén nos interesaba iso, que a obra tivese unha pegada na que se recoñecese a raíz. Isto puido ocorrer en calquera lugar do mundo, pero pasou aquí, en Galicia. Vai na liña do traballo que vimos facendo nos últimos anos, de mesturar, contrastar, historias locais que poden ter unha dimensión universal. Quen acuda verá ademais o traballo á hora de crear efectos de son que acompañan as escenas. Ten un punto radiofónico, desa radio que se facía en directo [participaron dun podcast recentemente a proposta de Carne Cruda].