Hai uns días, celebrouse en Vimianzo a gran muiñada. Unha inmersión na tradición relacionada coa moenda, o millo, os cereais e todos os costumes relacionados cos muíños e derivados. E gran parte do programa desenvolvido en relación co espazo e o escenario central do muíño da Agra, un conxunto restaurado polo Concello que é un punto de atracción da vila. Non só porque se celebre unha festa con máis ou menos éxito, senón porque é un lugar que sempre merece unha visita. Deixando a un lado as actuacións musicais e aspectos concretos do programa desenvolvido, hai que salientar a atracción que exerceu o conxunto da montaxe para unha parte dos asistentes ás celebracións, con nenos pequenos que eran quen de xogar e divertirse en relación cun vello inmoble máis ou menos restaurado con éxito. É a demostración de que o patrimonio e a tradición, ben xestionada, pode ser moi atractiva e xerar recursos.
Outra mostra tivémola a pasada fin de semana en Dumbría e o éxito que Xacarandaina e o seu director, Quique Peón, tiveron con Endaterra. Todo o público se levantou para agradecer o magno espectáculo ao que acababa de asistir. É unha mágoa que este tipo de proxectos se queden en media ducia de representacións e non poidan ser desenvolvidos no tempo e en máis localidades. É unha peza moi completa. Á marxe da mestría na execucións dos bailes, todo é salientable: o vestiario, a escena, o fondo teatral, as representacións e, logo, a calidade musical. E máis. A meirande parte dos oitenta participantes no proxecto son xente que leva moitos anos traballando no eido da música e o baile tradicionais. Imprescindibles.