Arrimei a ascua á miña terra

MANOEL BAÑA CASTRO

VIMIANZO

ANA GARCIA

«Como non lembrar en encontros na Ponte, en Vimianzo, en Pasarela... nos que programar actividades culturais»

08 mar 2020 . Actualizado a las 22:19 h.

Un bo amigo a quen respecto, aprecio e admiro pídeme un texto acerca das miñas investigacións por esta terra de onde son, procede a miña familia nun 80 por cento e non me podo despegar dela. Este amigo ensinoume moitas cousas, entre elas, apreciar o que fun facendo co tempo e a conta de vivir fóra dela.

Tiven a sorte de ter persoas maiores que me ensinaron a escoitar, a ser humilde en tódalas condicións de vida e iso fíxeno nesta terra que me fixo comprender aquela definición de Neira Vilas do neno labrego e convivir co meu saber de ser un ninguén como neno do campo, procedente dos labregos e mariñeiros. Ese neno que sigo levando dentro e aprendín a aprecialo en todo o que vale para vivir e desenvolver o meu traballo na universidade e na investigación, xa que me parece que é o que lle interesa ao meu querido amigo.

Como traballador universitario tiven a sorte de gozar das posibilidades de aprender da Universidade presencial que reside nos edificios nos que nos formamos, pero aprendín a recoñecer a importancia dos títulos universitarios da vida, os másters que tanto custa realizar e que poucos títulos outorgan, tamén a facelos nos retos que a vida me vai poñendo como a tódalas persoas, polo que considero que as miñas primeiras investigacións foron cos meus veciños e compañeiros ademais de amigos da escola, do bacharelato, da universidade e dos xogos a través dos que fun realizando esas investigacións que me permitiron aprender e ser o que son, con defectos e erros, pero sen medo a recoñecelos e melloralos se é preciso e podo. Ao fin e ao cabo, cada un fai o que pode ou, din nesta terra, o que lle deixan. Aprendín no río, nos castros, nas fontes, nos regatos nos que me caín unhas cantas veces sen querer e tanto me avergoñou, sobre todo nas risas dos adultos próximos.

Chegada á universidade

Por avatares do destino, cheguei á universidade, conseguín un contrato (así parecía) de investigador do ministerio e puiden centrarme en investigar acerca do fracaso escolar e a súa relación coa delincuencia xuvenil. Permitiume relacionarme co profesorado e acudir aos centros da miña terra para conseguir os datos e a información para presentar a miña tese de doutoramento. Antes tiña feito achegamentos aos colexios de Zas e Baio acerca da personalidade infantil e xuvenil que presentamos nunha publicación en congresos nacionais. Este traballo de investigador permitiume achegarme, tamén becado a Buenos Aires e Santiago de Chile, onde coñecín a Asociación de Hijos de Zas. Emilio, o seu secretario, e o seu tesoureiro, de Treos, recibíronme e trataron con todo cariño, demandáronme axuda no campo de recheo ao lado do Río da Prata, un terreo algo así como o antigo campo da Feira de Baio con edificios, canchas deportivas e instalacións de recreo e formación. Na miña volta, intercedín na alcaldía e concedeulle unha axuda e xerou un acordo que sobreviviu ata hai uns anos. Sete meses despois recibín o nomeamento de Socio de Honra desta Asociación. En Buenos Aires estiven na U.B.A. na que desenvolvín labores de intercambio e investigación co seu profesorado, co que volvín a entrar en contacto no 2008 na Universidade de Montevideo e nun congreso neste país, onde compartín conferencias

Nesta universidade atopei persoas emigrantes de Carballo e Corcubión como soe pasar cos galegos. No 1987 estiven nun equipo de investigación sobre análise da inclusión de persoas en aulas de educación especial en Galicia, neste caso nas comarcas de Soneira e Bergantiños, así como doutras da Costa da Morte. Este traballo foi presentado en congresos estatais e internacionais, Buenos Aires, Costa Rica, Cuba, e deu lugar a varios volumes impresos en libros e artigos de revistas científicas tanto educativas como psicolóxicas. A partires do 1995 e ata 1999, analizamos a calidade de vida das persoas en Soneira e Ferrolterra, o que deu lugar a varias teses de doutoramento e publicacións en revistas científicas. En 1999 a dirección xeral de Política Lingüística encárgame pór en marcha un proxecto de implantación da segunda lingua en Galicia no que era subdirector Benxamín, veciño de Vimianzo. Con el departín as curiosidades da nosa zona e pasamos longas conversas acerca da beleza e os seus habitantes. Como ao longo de toda a miña profesión, encargóuseme pórme en contacto coas profesionais de Galicia, escollín por animosidade e cariño a profesoras de Baio en infantil, dado que era a poboación axeitada para o encargo, e dado que sempre arrimei a ascua á miña terra.

Experiencias innovadoras

Levamos a cabo experiencias e implantacións, estudios e análises que redundaron na publicación de libros, presentacións en congresos internacionais e seminarios con profesorado doutros ámbitos similares tanto estatais como internacionais. Con estas profesoras foi un aproveitamento riquísimo que se transmitiu aos políticos para que tomaran iniciativas con respecto á cultura e a formación. O labor de Sinda, en Baio; Rosamari de Fornelos, contratada para este encargo; María (Carballo) foron esenciais e moi relevantes neste traballo. A isto podemos engadir experiencias innovadoras na Ponte do Porto con Xavier Sesma que perdurou ata 15 anos; con Dina, en Vimianzo; con Pablo, en Vimianzo e Baio, con Chus ao longo de aqueles encontros tanto na facultade como na xeración da Asociación Cultural O Vencello, actividades na defensa e aprendizaxe da nosa cultura.

Como non lembrar os encontros na Ponte, en Vimianzo, en Zas, en Pasarela,... no que programar, iniciar e desenvolver actividades culturais e recreativas. A partir de 2000, foron moitas as viaxes, escolas, centros, familias coa función de axudar a pais e nais así como nenos e nenas a enfrontarse ás súas vidas. Froito desta dinámica fundamos dúas asociacións de pais e nais nas Mariñas coruñesa e de Lugo, e dúas profesionais na Coruña con tarefas para axuda das persoas para a súa inclusión, calidade de vida e vida independente.

Logo veu a creación dunha clínica universitaria e a posta en marcha de servizos de apoio, diagnóstico e de atención a servizos, centros e persoas de toda Galicia así como as relacións con centros universitarios e de atención de Uruguai, Arxentina, México, Brasil, Venezuela, Colombia... Portugal, Francia, Italia, Reino Unido cos que traballamos. Das comarcas de Soneira e Bergantiños, asesoramos a profesionais, acudimos a centros para impartir cursos, apoiar a pais e nais, axudar aos nenos e nenas así como persoas das distintas idades procurando a súa inclusión e defensa dos seus dereitos. Isto deu lugar á defensa a varias teses de doutoramento internacionais, e proxectos internacionais das distintas universidades do orixe. Isto aprendemos na nosa terra e é o que mellor e máis exportamos como produto de calidade que nos fai sentirnos orgullos de ter nacido aquí e que procuramos contaxiar a todas aquelas persoas as que visitamos, nos coñecen e facemos partícipes desta riqueza.

Manoel Baña Castro (Zas, 1959) é profesor de Psicoloxía Evolutiva na Facultade de Ciencias da Educación de Lugo. Antes foino na UDC. Formou parte de numerosos grupos de investigación e ten feito numerosas publicacións sobre discapacidade e dependencia, evolución e intervención psicolóxica en dificultades da aprendizaxe, intervención psicolóxica no contexto familiar e nos trastornos do desenvolvemento.