O lume de Vimianzo

La Voz TRIBUNA ABERTA

VIMIANZO

14 ago 2015 . Actualizado a las 21:27 h.

Quero en primeiro lugar darlle as grazas a La Voz de Galicia por publicarme estas liñas que expresan o meu pesar por tantos incendios que están desolando os nosos montes.

Non me gusta moito expresar a miñas opinións e moito menos nos medios de comunicación. Sen embargo esta vez é diferente porque o martes pola mañá, despois de enterarme que un incendio arrasara máis de cen hectáreas de terreo na miña aldea, acordeime desas persoas que, por intereses espurios, falta de sensibilidade ou hobby, queiman o monte con toda tranquilidade.

Quero desexarlles que caia todo o peso da lei sobre eles porque arrasan coa natureza e por querer acabar coa ilusión que moita xente ten depositada nas súas explotacións forestais. Tampouco lles importa nada que se mobilicen medios de extinción terrestres e aéreos que non son nada baratos para un país que aínda está sufrindo unha grave crise económica e como consecuencia tamén social, sen esquecernos dos accidentes e do perigo que corren as persoas encargadas da extinción. Eu nunca me vou render á unha mínima perda ou debilidade do sector primario, estou moi involucrado nel, seguirei plantando e traballando no monte aínda que se queime unha e outra vez, ninguén conseguirá que me canse. Tampouco dubidarei en acercarme ás autoridades competentes para denunciar estes feitos delictivos.

Quero acabar cun refrán popular para resumir todo isto: Arrieros somos y en el camino nos encontraremos.

Pablo López. Veciño de Cures-Cereixo.