O palleiros, antes habituais, son agora case reliquias. E algunhas leiras ofrecen froitos descomunais ou estraños
25 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Ata fai unha década (por poñer un marco temporal, varía moito) era común ver palleiros de herba seca ou incluso de palla de trigo ou centeo. Máis atrás, ata fai vinte anos, eses mesmos palleiros protexíanse con monllos aí a finais de outubro, tras a esfolla. Eran a cabana. Hoxe case non hai palleiros, xa non se diga cabanas, e como siga a cousa así, en pouco tempo non haberá nin herba para secar. Pero sempre hai algún exemplo en cada parroquia. Como o de Cesáreo Pazos Lema e María Nantón Vázquez, de 66 anos, veciños de Vilaseco, Borneiro, que están facendo un, axudados polo neto Alejandro Rodríguez Castro. O rapaz conservará toda a súa vida a memoria dun oficio que se perde.
É unha das imaxes do campo dos tempos novos. Hai outras polas leiras da bisbarra. Cada vez vense máis froitos que exceden o seu tamaño: cabazas, pepinos, patacas, pés de millo de ata catro metros de alto. En Casais, Vimianzo, pódense ver exemplos. Na leira de Pura Touriñán Martínez, un pé de millo ten sete espigas. E, case ao lados, un coleiro dá unhas verzas tan anchas como baldes de auga.