Arte, maxia e mensaxe na programación de Ponteceso polo 8 de marzo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Eva López Barrio pechará a programación en Ponteceso
Eva López Barrio pechará a programación en Ponteceso Sandra Alonso

Entre hoxe, martes, e o vindeiro día 21, sucederanse actividades polo Día da Muller

03 mar 2026 . Actualizado a las 23:20 h.

Seguen coñecéndose nesta semana novos programas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, para a Costa da Morte. Se Malpica facía público o seu o luns, o mesmo o Concello veciño, Ponteceso, con iniciativas que pasan pola seguinte temática:

Dende onte ao 31 de marzo. Exposición na biblioteca pública municipal. A mostra leva por título En clave de muller, con traballos da pintora Lola Saavedra.

Domingo 8 de marzo. Xornada clave. Neste caso, o programa de actos vén promovido polo colectivo Feminismo en Pé e consistirán en accións de visibilización da desigualdade (10.30 horas) e posterior lectura de manifesto (12.00). Ambas convocatorias, na praza do Recheo.

Martes 10 de marzo. Alumnado do instituto Eduardo Pondal asistirá pola mañá, 11.30 horas, a un espectáculo de maxia, A igualdade non ten truco.

21 de marzo. Ata esta data estenderá o Concello a súa conmemoración do 8M, reservando para esta xornada unha charla: A universidade: formación, investigación e tamén emprendemento. Correrá a cargo de Eva López Barrio, coordinadora do proxecto Woman Emprendemento da Universidade de Santiago, do Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto de las Mujeres e membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de España. Ás 17.00, na biblioteca.