Leonarda Sánchez Fuente, nacida en Tallo pouco despois de 1870, foi —que se conoza— a única muller desta comarca que participaba, e con moito éxito, nestas competicións cantadas case exclusivamente masculinas que eran as regueifas no primeiro terzo do século vinte. Ela nunca quedaba atrás e tiña fama en toda a comarca; e é de quen se recordan hoxe máis coplas e anécdotas. Era delgada, alta, algo coxa pola picadura dunha cobra, non se casou nunca e traballou toda a súa vida de xornaleira ata a súa morte en 1938. Polo que contaban os que a coñeceron, tiña grandes calidades para este xénero: cantaba moi ben, armaba moi ben, tiña moi boa voz e era atrevida. O seu enxeño, inventiva e boa voz fixérona temible para os competidores. Un feixe daquelas cantigas —moi celebradas no seu tempo— quedaron na memoria dos que as oíron que, á súa volta, transmitíronas de boca a orella ata chegar a nós. Entre elas hai algunhas que nos dan unha información clara sobre o ton que adoitaban empregar e sobre o trato que se lle daba a unha muller.
As noticias máis fiables sobre Leonarda e as regueifas do seu tempo debémosllas a outros regueifeiros máis novos, como Severo de Borneiro (1908-2000) e Calviño de Tallo (1930-2003). Velaí o que conta Severo: Leonarda era máis vella ca min e o Paiolo tamén. Con Leonarda non cantei nunca, que eu era moito máis novo que ela, e ademais tíñalle medo: era moi dura. Andaba polas casas ao xornal, dábanlle algo. Cantaba moi ben. Andaba segando nun herbal dunha ocasión e entonces tiña un canciño con ela, era unha cadela; e pasaron uns serradores. «Bótalle unha cántiga a Leonarda», díxolle un ó outro. Ei ‘tan as vellas de Tallo (ela era de Tallo) / collendo a herba ca man / como n’atoparon home / de amigho xa ten o can. E contestoulle ela: Non che é can, que che é cadela / mira que te enghañas ben / faltáballe un coma o teu / que coma o meu xa o ten. As mulleres, cantando as regueifas un con outro, son mellores de cadrar e máis de todo. O Cadete era moito home tamén. Eu sentino unha vez nada máis... (....) Esa Leonarda criouse en Sinde. (...) Non había na regueifa quen puidera con ela, aínda que viñeran cen era o mesmo; pero enchíana de copas e despois a muller saía do seu punto. (...) Nunha fiada que houbo en Vilaseco na taberna da Cotereda, ela xa chegou algo tarde e estaba o Paiolo dentro e lanzoulle unha cántiga: Eí vén Leonarda tamén / pareces pía da fin / batán que tanto bateas / eu na miña vida o vin. Porque ela, ai, ela cantaba moito. E disque ela andaba por aí cos homes e fillo non tiña ningún, e ela contestoulle: Tamén o papel é branco / mentras n’o manchan de tinta / eu o que che podo dicir / que teño a cariña limpa. E o Paiolo contestoulle: Ti te-la cariña limpa / porque aínda os homes son bos / botan o arado / e alí sementan polos arrós. E seguían sempre no mesmo.
Aos rapaces non se lles deixaba ir
E aquí as lembranzas de Calviño: Aquí había unha fulana, aí arredor da igrexa, que se chamaba Leonarda; eu coñecina moi pouquiño porque ela viña á casa de meus avós cando era a colleita das fabas, viña axudarlle á avoa, e despois sempre lle daban algo (era pobre): ou carne ou fabas, cousas que ela precisaba, e a bolsiña comandábanme a min irlla levar. E sempre ía, había un carreiriño, agora hai unha pista... Recórdome, baixando, saíndo da praza, hai un río de lavar e baixando cara ó río, que me dicía ela: «Ai, meu santiño (ela coxeaba algo dunha perna), tes que ter coidado que a min picoume unha culebra e dende aquela nunca ben me foi desta perna». Era unha muller delgadiña, alta; velliña xa; morreu de alí a pouco. Ela ía ás regueifas, cando era a catro, ela ía dun lado. E dicía meu avó: «Aínda Leonarda vai contra tres e mais non ten medo ningún». Xa non había máis mulleres que esa. Había tamén en Coros* (Cores?) un que lle chamaban o Cadete, que disque era moi bo, eu xa non o coñecín. El era serrador e andaba con esas serras que viñeron modernas, e entonces nas regueifas gabábase que tiña así e andando, e unha vez houbo unha regueifa na Bugalleira e tamén foi Leonarda, ela soa cos homes, «e mais non a comían», e díxolle ela: Beighante os demos, Cadete,/ que tan mentireiro es,/ que pasei por Figueiroa / e ata galiñas non tes. E díxolle el: Se vas pola miña casa,/ pasarás polo herbeiro;/ non veñas tarde e sen hora,/ que vaian no capoeiro. O herbeiro era onde poñían a herba do gando e despois debaixo estaba feito de durmir as galiñas; e ela, que non fose tarde que as galiñas recóllense e, se ía tarde, pois non as vía, ¿non?. E díxolle ela: Non che creo nada diso:/ estás medio descontrolado,/ tes ventás sen cristais/ non tes tellas no tellado: que estaba todo algo estramboricado. Díxolle el: E eu que coño hei de ter,/ que aínda non teño unha artesa,/ que un machadiño que teño / aínda o deixo na devesa (deixábao dun día para o outro). E despois díxolle ela outra: Cando paso cara a ribeira,/ paso sempre por Niñóns;/ cas amarrallas de pelo/ heiche de ata-los collóns. E contestoulle el: Fun á ribeira pescar,/ pesquei unha lapa crúa,/ aseina con toxos verdes:/ así che hei de asa-la túa. Daquela dicíanas bravas, que non reparaban. Rapaces neses sitios xa non había: ós rapaces xa non os deixaban ir a elas [ás regueifas].
(*) Domingo Blanco é un dos meirandes estudosos da regueifa e improvisación oral en Bergantiños.