A 33.ª Feira das Fabas de Ponteceso será unha homenaxe aos gandeiros

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

PONTECESO

Unha imaxe da edición do 2024, no Campo da Feira, epicentro
Unha imaxe da edición do 2024, no Campo da Feira, epicentro BASILIO BELLO

Será este vindeiro sábado 25 de outubro, con pregón, música e degustación «a fartar»

18 oct 2025 . Actualizado a las 21:57 h.

Sábado 25 de outubro • Na Costa da Morte non faltan festas gastronómicas nin de verán nin de inverno. Menos aínda en outono, con tanto froito que celebrar, e para mostra a Feira das Fabas de Ponteceso, que o Concello celebrará este vindeiro sábado 25 de outubro, acadando a súa 33.ª edición. «Un programa repleto de música, gastronomía e homenaxes», avanzan dende a organización.

Botarán a andar as actividades ao fío do mediodía, cos pasarrúas de Os Picurruchos, e chegará ás 14.00 un dos momentos centrais, o do pregón. Correrá a cargo de Gil da Campara, e as súas serán palabras de recoñecemento a gandeiros, polo seu labor esencial para o sector e a tradición local. Tamén para a veciñanza, véxase o seu papel nos incendios que afectaron a este municipio en agosto. Logo do discurso virá o máis agardado, a degustación de «fabas a fartar», «símbolo da gastronomía pontecesá»: as entradas poden adquirirse durante a semana na Tesourería do Concello e o propio día no Campo da Feira. Judith Cundíns será a encargada de amenizar a tarde, sumando a música ao sabor do prato.