Paseando con Pondal

luís g. soto

PONTECESO

CESAR QUIAN

Sección En Primeira Persoa, escribe Luis G. Soto | Queixumes dos pinos fala en cada verso de Bergantiños, Xallas, a Costa da Morte. E faino con acerto, propiciando a aparición das paisaxes nos ollos de quen le

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como moitos, souben de Pondal por ser o autor do himno galego. Debeu ser en torno a 1970. Naquelas circunstancias adversas, o himno circulaba, case só, como un rumor de fondo. Eu era pouco máis do que un adolescente e tiña apenas una vaga consciencia de todo aquilo. Probabelmente, pouco máis fixen que vincular o nome de Pondal con Galiza e coa natureza.

De certo, cando na segunda metade dos anos 70 comecei a percorrer, mormente con amizades, a Costa da Morte, lera algo de Pondal. A primeira vez que, en Ponteceso, vin a súa casa, o poeta érame algo familiar. Porén, érame máis familiar, e entrañábel, a súa paisaxe: Bergantiños, Xallas, a Costa da Morte. Que, verán tras verán, percorría en pequenas excursións: en coche, andando, polas praias e cantís.

Unha noite, en 1983 ou 1984, eu era bolseiro universitario e estaba a facer unha tese de filosofía, mais que tocaba algo a literatura, e combinara un encontro cun amigo, profesor de lingua e literatura galegas, con quen falaba, de cando en cando, sobre o que ía facendo na miña investigación. Mais, daquela vez, cando cheguei á súa casa, estaba ocupado con algunha tarefa. Mentres agardaba, reparei nun exemplar de Queixumes dos pinos sobre a mesa. Para entreterme, collino e púxenme a ler. Foi como se, naquela noite de inverno, o mar me golpease na cara, como se irrompese naquela sala dunha casa no centro da cidade da Coruña.

Desde entón, a poesía de Eduardo Pondal constituíu un poderoso reclamo do meu interese e, alén de desfrutar coa súa lectura, funlle dedicando varios traballos. Foi moi gratificante constatar como, ao longo dos anos, ían publicándose, editándoas de modo sistemático, as obras de Pondal, así como numerosos estudos sobre elas. Pola miña parte, puiden comprobar o seu valor universal, ou sexa, internacional, ao ver o interese que a súa poesía merecía alén das nosas fronteiras (non só as galegas).

A finais dos anos 90, presentei nun congreso en Pau, Francia, un relatorio sobre Pondal, a súa vida e a súa obra, centrándome no incabamento de Os Eoas. L'inachèvement éthique chez Eduardo Pondal foi publicado despois pola universidade de Pau.

Xa neste século XXI, falei de Pondal, da súa poesía, en varios congresos en Portugal. Por exemplo, «Os Eoas»: poema, e drama, teológico-político de Eduardo Pondal fai parte dun libro publicado, en 2009, pola Imprensa Nacional-Casa da Moeda de Portugal.

Poño estes exemplos, para resaltar o interese polo noso poeta alén das nosas fronteiras. Mais, esas experiencias tamén me valeron para decatarme da importancia das traducións: porque, se non as derruban, saltan as barreiras fronteirizas. Felizmente, Queixumes dos pinos está editado en portugués; mais debería estar tamén en castelán.

Un diamante, un fulgor intenso

A poesía de Pondal, e en especial Queixumes dos pinos, é como un diamante, de fulgor intenso e durábel, que brilla en múltiplas direccións. Pola súa dureza e esplendor é arduo de manexar, de traballar, e desata fascinación e rexeitamento. O normal nunha obra de arte, sobre todo cando se trata dunha obra prima ou mestra, exposta á curiosidade do mundo, porque, aínda cando a contemplemos desde aquí, o facemos co ollar da cultura universal.

Dos seus valores, destaquei, con aquel golpe de mar nunha sala de estar unha noite de inverno, a súa implicación coa paisaxe. Queixumes dos pinos fala en cada verso de Bergantiños, Xallas, a Costa da Morte. E faino con singular acerto, até o punto de propiciar a aparición das súas paisaxes ante os ollos de quen le. Bosques, campos, praias, cantís. Quen estivo, lembra; quen aínda non foi, quere ir. Pondal vai dando nomes, agregando descricións, sumando pormenores até deseñar unha xeografía, vasta, mesta, fonda, cargada, non apenas de historia, mais tamén de vivencia. E todo iso dito, con frecuencia, con moi poucas palabras. «Penedos de Pasarela, cando vos vexo, penedos, suspiro de amor por ela». É difícil lograr dicir, e comunicar, tanto, en tan breves versos, que así, brevísimos, son un poema enteiro. A súa forza, a súa inmensa potencia, residen non só naquilo que poidan querer dicir, e que podemos indagar explorando os Queixumes dos pinos. A súa forza está tamén, e moito, naquilo que nos fan pensar e sentir por fóra do libro. Imaxinémonos, un día, unha tarde, paseando en coche, ou andando, chegando a Traba, serpeando por algunha estradiña ou camiñando polos trillos á beira do mar. Imaxinemos que, entón, levantamos a cabeza e levamos os ollos aos montes, ás cristas dos montes. Ao divisar os penedos, o poema de Pondal explota na nosa cabeza como un lóstrego que transfigura a nosa experiencia, a nosa vivencia nesa paisaxe.

Ás veces, cando imos visitar un lugar fermoso, como pode ser Bergantiños, Xallas, a Costa da Morte, abraiados pola beleza, non sabemos que facer. Necesitamos algo que organice a nosa experiencia. Pode ser unha liña trazada nun mapa, xenialmente, como o Camiño dos Faros. Que facer? Pórmonos a camiñar. Mais, o organizador da nosa experiencia pode ser tamén un libro: Queixumes dos pinos.

DNI. Luís García Soto (A Coruña, 1956) é profesor, dende 1989, de Filosofía Moral na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, da que foi decano. Doutor tamén en Dereito (licenciado en ambas disciplinas), é autor de numerosas obras individuais e colectivas e ten gañado, entre outros, o premio Ricardo Carvalho Calero de ensaio por O labirinto da saudade, e o Ramón Piñeiro de ensaio por Barthes filósofo. É experto, entre outros autores, en Pondal, do que escribiu Outros e novos Queixumes, analizado e presentado hai pouco máis de tres meses no Couto, e hai xa 35 anos realizou un traballo sobre A Campana de Anllóns. Foi redactor do Código Ético da USC.