Os Bos e Xenerosos reivindican a cultura de base e os valores do rural

Patricia Blanco
patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Comezaron as Festiletras cos premios a Rosario Álvarez, Carlos Blanco, De Lira e Isabel Aguirre

13 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para entender Galicia hai que vivila, e a Galicia de verdade para min está viva no rural». Son palabras do presidente da Fundación Eduardo Pondal, Lois García, durante a súa intervención na entrega dos Premios Bos e Xenerosos, acto inicial das 37.ª Festiletras do Couto. «Estas catro persoas galardoadas son boas para Galicia», dixo, logo de abondar nos méritos de cada un: a inclusión da Costa da Morte no corazón dos galegos, a explosión creativa a través da televisión galega ou os beneficios da investigación.

BASILIO BELLO

«Sempre admirable é o vosa labor, a rede humana, a sementeira fóra dos espazos urbanos, a capacidade para integrar todo o abano xeracional. Sodes un modelo de asociación cultural de base, aquelas que teñen maior capacidade para espallar a cultura por toda a pel de Galicia. A cultura que se mantén viva crea á súa vez cultura. Non se trata de resistir, trátase de avanzar», expuxo Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e primeira premiada: «A cultura, como vós dicides, non é só terreo das grandes cidades. Todos temos o dereito de amar Galicia». Incidiu no traballo colectivo que hai detrás dun galardón coma este e no «milleiro de persoas anónimas que de xeración en xeración fixeron posible o noso feito diferencial».

BASILIO BELLO

Con humor, Carlos Blanco recibiu o seu «premio Lenin», o busto de Pondal, e lembrou a estrea no Couto, hai 27 anos, de Directamente Paco II: o retorno. Aquel día, seu fillo Lois, hoxe director teatral e onte presente no acto, viuno chorar de nervios. Daquela xornada lembra tamén como Manuel María, «escapando de Saleta», lle foi pedir tabaco. Incidiu na necesaria posta en valor do traballo dos actores: «O que non se paga non se valora. Foron moitos anos de cultura de balde». Como méritos, del ou de De Lira, o ter creado público para o teatro, aínda tendo que ir buscalo aos bares, «para que hoxe estea nestes lugares». Blanco dedicoulle o recoñecemento ao seu fillo: «Se falo galego, é por ti».

BASILIO BELLO

«Acepto, pero non asumo a responsabilidade de ser bo e xeneroso todo o resto do ano», ironizou Miguel de Lira ao recoller o seu premio: «Ser bo e xeneroso no meu caso depende dos guións que me chegan». Os bos fainos a gusto, aos medio malos dótaos de algo de ética («Currás, furtivo, dicía que el ía rañar os percebes grandes para que medrasen os pequenos») e aos malos sen solución interprétaos sendo desprendido na maldade: «Matei moito e roubei a paladas». Como individuo, máis que actor, prefire ser cómico, coas súas implicacións: «Un cómico tamén é a terra que defende».

BASILIO BELLO

«Hai que poñer en valor o mundo rural. Está cheo de sabedoría, de valores», sinalou pola súa banda Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe e cuarta premiada. O seu vencello con Ponteceso vén de hai tempo, de cando sendo ben nova coñeceu en Sergude ao pintor Sotomayor, ou de cando comía angulas, especie a recuperar. Declarouse impresionada pola beleza da zona e comprometida coas solucións xurdidas para o entorno nun obradoiro recente: os cabazos «son unha xoia» (anunciou Lois García a posta en marcha da campaña Hórreos de Gallaecia, patrimonio da Humanidade), o sendeirismo atraerá, as fincas poderán revivir e as casas volver albergar vida con estudantes e investigadores. En todo, os maiores terán moito que contar.

Os sons do primeiro día

Na memoria de Neira Vilas

Cúmprense neste 2019 os 25 anos da homenaxe a Neira Vilas no Couto. Onte lembrouse, cun texto del sobre as Festiletras lido por Uxía Varela e acompañado coa doce voz de Alba Costa con «Ai, amor».

BASILIO BELLO

Rodrigo Romaní

Varias pezas interpretou Rodrigo Romaní para pechar os Premios Bos e Xenerosos. «O voo da pomba», de Milladoiro; o fandango «O vaivén dos pirlos bule bule» e «Torres no ar», metáfora da música, foron moi aplaudidas.

BASILIO BELLO

Caamaño&Ameixeiras, Valle Roso, Macías

Na Casa dos Veciños do Couto actuaron onte pola tarde catro mulleres, catro talentos. Marisa Valle Roso, que deixou ao público abraiado coa súa voz, Irma Macías e o dúo Caamaño-Ameixeiras.

X. AMEIXEIRAS

Natalia Lema e Lupe Blanco, as Literatas deste 2019

A xornada inicial das 37.ª Festiletras permitiu coñecer tamén un avance das Literatas deste ano, recoñecemento máis recente que os Bos e Xenerosos, pero xa asentado. O seu día grande será o 17 de maio, xornada capital da celebración. As persoas designadas este ano con tal título son a regueifeira Lupe Blanco e a escritora Natalia Lema, forza nova cunha activa defensa do rural.

O programa para hoxe

Pola mañá

Na sede da Fundación. Obradoiros de literatura con Fina Casalderrey e Víctor Freixanes, académicos.

Pola tarde

Na Casa dos Veciños. Clase maxistral de xoiería con Carla Canedo Martínez, gañadora da 12.ª edición do Certame de Artesanía Antón Fraguas da Deputación Provincial. Ben simbólico, porque Fraguas é este ano o homenaxeado polas Letras.

Na sede da Fundación Eduardo Pondal. Contada de historias con Celso Fernández Sanmartín, todo un referente na narración oral.