«Prometín non cobrar ata resolver a débeda e cumprino»

La Voz

PONTECESO

BASILIO BELLO

Concello de Ponteceso | Xosé Lois García Carballido, Alcalde de Ponteceso: «Pasamos de pagar aos provedores de 500 días a 23, e liquidamos os pagos sen ter que subir os impostos aos veciños»

02 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Profesor de inglés con praza no IES de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido (Narón, 1974) reside en Ponteceso dende setembro de 2009 e é o alcalde, polo PSOE, dende o 13 de xuño del 2015.

-No seu día houbo polémica porque entrou no Concello e renunciou ao soldo.

-Non me arrepinto e volvería facelo. E acertei porque o Concello estaba aínda peor do que eu pensaba, con 5,5 millóns de euros de débeda. Pero recoñezo que un Concello pequeno, consegue máis investimentos, co alcalde a tempo completo.

-¿Como atopou o Concello?

-Arruinado. Pedín un informe á Intervención e a débeda real eran 5,5 millóns de euros, algo insoportable. Tres millóns eran créditos bancarios. 2,25 millóns eran facturas nos caixóns. Máis de 250.000 euros era o remanente negativo de tesourería. Non podiamos pedir subvencións porque non tiñamos para pagar os proxectos nin a aportación municipal, desas subvencións que non eran ao 100?%.

-Sexa sincero, ¿cal era o orzamento no 2015?

- Teoricamente, catro millóns de euros, porque o ingreso por licencias de obras previsto era de 600.000 euros, cando o real non é nin a décima parte. Con remanente negativo e facturas pendentes, xa empezas o ano debendo os cartos do ano anterior. Fondo subiu os impostos dous anos seguidos e meteu un plan de axuste a dez anos, pero o Concello seguía acumulando débeda. Pagábanse 4.000 euros cada mes de teléfono, había un descontrol total, iso que non había un bo servizo. Metemos fibra, cambiamos de empresa e pagamos unha terceira parte.

-Fondo di que deixou 600.000 euros en caixa.

-Hai que explicar a diferenza entre tesourería e orzamento. Ti podes ter cartos na conta, pero se non tés orzamento e acumulas débedas, estás perdido. Agora mantemos unha media de dous millóns de euros na conta do Concello, pero a loita diaria está por subir o orzamento. Acabamos 2018 con seis millóns de euros de orzamento real.

-Era tan grave a situación económica cando chegaron?

-O plan de axuste e as subas de impostos programadas, que nós paramos. Sen subas de ingresos tiñamos que baixar o gasto, sen recortes que prexudicaran os veciños. A media de pago a provedores era de 500 días. Os empresarios que traballaban para o Concello non ofrecían prezos competitivos porque tardaban dous ou tres anos en cobrar.

-Por que prexudica a débeda?

-En 2015, cun orzamento tan pequeno, de catro millóns, Fondo tivo que poñer 370.000 para pagar préstamos e 118.000 euros para pagar xuros por eses préstamos. En total, 488.000 euros hipotecando o ano. Ese problema desapareceu de Ponteceso, mesmo na Deputación están sorprendidos pola nosa evolución económica. Pasamos de enfermo a exemplo a seguir.

-Aínda lembro o retraso na obra da Ponte da Garga.

-A Ponte da Garga caía a cachos. As pistas estaban desfeitas, porque en vez de poñer aglomerado colocábase rego asfáltico, que dura un inverno. O alumeado público caendo, os extintores caducados tres anos, a gardería sen impermeabilizar, sen illamento térmico, as pasarelas de madeira danadas, nas aldeas os contedores vellos e tirados sen soportes, o bombeo e a depuradora de Corme sen funcionar cunha multa de medio ambiente por botar o lixo ao mar polo antigo emisario, a pesar de que a empresa cobraba 7.000 euros por mes pola xestión. O parque infantil de Corme, calamitoso. A desbrozadora do tractor, desfeita, os remolques esnaquizados. O camión de lixo, todo vello, seguido no taller, con facturas pendentes que valían tres veces o vehículo, e sen plans para cambialo, igual que o resto dos coches, todos vellos e algúns sen legalizar, como o guindastre elevador municipal. Sen melloras nos campos de fútbol e colexios de primaria abandonados, xardíns sen rego e sen flores... . Os seguros contratábanse na Coruña e non cubrían nin a metade dos edificios municipais. O GES e o resto de operarios non tiñan material de traballo digno, nin servizo de prevención de riscos laborais.

-Hai máis investimentos?

-Os reais no orzamento de 2015, eran de 329.000 euros. No 2018, empezamos con 1,444 millóns de euros. Como levamos dous anos seguidos con superávit, controlamos a débeda, que era prioritario, e pagamos a provedores en 23 días, puidemos reinvestir o superávit. Todo sen subir impostos en tres anos aos veciños.