En defensa das comisións


Acabo de ler unha carta que se queixaba do ruido. A semana anterior un grupo político publicaba unha foto da praza con restos da festa do sábado. Tamén son noticia as trabas de Portos, Costas e outros organismos da Xunta e do Estado á celebración de eventos culturais e festivos nos seus dominios. Logo están as taxas da SGAE e as obrigas legais das novas leis de espectáculos, que impoñen ás comisións de festas pagar un proxecto técnico e aportar considerable documentación. Pagar seguros, xerador de corrente, e carpas. Todo suma, así que todo o mundo sabe que hai que ter moito valor para poñerse á fronte dunha comisión.

Por todo isto gustaríame saír en defensa das comisións, especialmente das que operan no Concello de Ponteceso. Ás veces só as botamos en falla cando non hai festa, e todo o mundo se lamenta. Na maior parte están formadas por mozos, e fan un papel esencial para crear e manter empregos na hostalería e atraer xente. Se non hai festa, moitos amigos e familiares que residen fóra xa non veñen, perdendo ese último vencello á orixe. Os membros das comisións dedican días e noites a pedir prara a festa, ás veces van catro veces a unha casa, para que haxa unha verbena ata no lugar máis tranquilo e despoboado. Levan os carteis por toda a comarca e mesmo esfórzanse por ir en pandilla ás outras festas da zona, para establecer alianzas: «Imos pra que nos veñan». Mira que valores promoven as comisións: Fanse emprendedores e aprenden o que é arriscar diñeiro e obter como mínimo para cubrir gastos. Creamos relación entre parroquias da comarca. Incluso fomentamos as relacións sociais, a arte e os empregos indirectos. Pregúntalle aos panadeiros, carniceiros, peixeiros e supermercados en xeral se notan cando hai festa na aldea. Incluso fanse obras nas casas para acoller os banquetes, albaneis, pintores... Ponteceso foi coñecido sempre pola movida e a excelente hostalería. Agora volve a noite na Trabe, os catro bares de Pazos están abarrotados, e en Corme arrasan as festas, e as rondas, cos medios viños. Por todo isto, sentidiño, imos ter unha actitude positiva cara as festas, con todas as pequenas molestias que poidan ocasionar. ¡Vivan as comisións de festas!

Autor Lois García Carballido Alcalde de Ponteceso

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

En defensa das comisións