«Non podemos competir cos grandes, así que nos adiantamos»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Estoupa o Black friday é a proposta de descontos en comercios que en Ponteceso fan hoxe e tamén mañá. Fala Shaila Rellán

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Empresarios de Ponteceso levaba uns días poñendo sobre aviso de que algo ía estoupar en Ponteceso. Comezaron a ir contándoo na Feira das Fabas, mais xa nas últimas xornadas se soubo o que era: estoupará o black friday. Isto vén a significar que case unha vintena de comercios, hoxe e mañá, ofrecerán descontos de entre o 10 e o 40 %, incluso máis. Son Abordo, Andreka, Carfin, ferretería Mato, Flor y Campo, Imprenta Ponteceso, Joyería Romar, M&C, Meninas, óptica A Trabe, paquetería La Nueva, parafarmacia Horizonte, Petit Moda Infantil, pinturas Peón, Syryl, Todo Lar, Vístete Kids e zapatería La Pesqueira. Desde a entidade fala Shaila Rellán, tesoureira, que agradece a colaboración do Concello para esta nova iniciativa.

-¿E isto de adiantarse ao Black Friday? ¿En que consiste?

-A mediados de outubro empezamos a darlle voltas a que facer no Black Friday e no Nadal. Pensamos, con respecto ao primeiro, que non tiña sentido facelo o propio día, porque a xente marcha e os grandes comercios poden facer outro tipo de descontos. Non podemos competir. De aí que decidísemos adiantarnos. A verdade é que tivo moi boa acollida nos socios, e engadimos ademais ese carameliño dun sorteo de 200 euros para gastar o 25 de novembro, que cadra co día.

-Acadaron participación.

-Si, somos uns 17 comercios: roupa, ferretería, zapatería... Tendas que precisan liberar un stock. Despois, socios, somos moitos máis, 74, pero inclúense os talleres, supermercados... Cada negocio porá os seus descontos, e penso que nalgún caso ata poden chegar ao 50 %.

-¿Como se participa nese sorteo de 200 euros que ofrecen?

-Non se darán rifas, senón que no tique de compra se anotará nome e teléfono. Cada negocio terá a súa urna e logo o sábado pola noite, no local da asociación de empresarios, levarase a cabo o sorteo con todas elas.

-¿Que percepción notan entre o público con respecto á iniciativa?

-Parece que se está gardando para mañá [por hoxe]. Agarda polo día para poder aproveitar, normal. Agora xa se sabe que era o que diciamos que ía estoupar [ri].