«O Couto é único en toda Galicia»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE, CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

O emblemático grupo chega coa súa xira de aniversario con máis acento da Costa da Morte do que xa tiña antes

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Bieito Romero (A Coruña, 1964) considérase, e con motivos, «un veciño máis da Costa da Morte», comarca que forma parte do corazón musical de Luar na Lubre desde o seus comezos hai 30 anos e agora especialmente con dúas integrantes naturais da zona. Ás 19.00 horas tocan no Festiletras do Couto (Ponteceso)

-¿Cal é o primeiro recordo de contacto co Couto que ten?

-Buff, iso é complicado, non sabería dicir. A min gústame moito pescar e recordo de parar alí xa hai moitos anos, tamén ir a festivais. Agora que o recordo máis vivo que teño é o de aquela liga que perdeu o Deportivo [penalti de Djukic, 14 de maio de 1994] que na Coruña estaba todo o mundo deprimido e nós fomos para O Couto, precisamente para o Festiletras.

-¿Que valor lle da ao traballo feito por estes veciños?

-Penso que é un exemplo único en toda Galicia. Non sei se haberá algo parecido, pero que eu saiba non, nin sequera en concellos moito maiores. Paréceme algo heroico que realmente chama a atención. Con apoio institucional e diñeiro faise calquera cousa, pero isto é un movemento da propia xente, que podería darse nunha cidade, pero non é así. De feito, penso que en poucos sitios teñen unha cita de tanta envergadura e un programa tan completo como o do Festiletras.

-¿Que lle aportou Bergantiños ao legado do folclore?

-Aportou e segue aportando, porque Bergantiños foi unha comarca moi rica neste sentido e ségueo sendo. Despois, algunha xente fomos recuperando e pondo en valor esa tradición o que vén a enriquecela aínda máis.

-¿Ten Luar na Lubre máis espírito da Costa da Morte ca nunca?

-Eu xa me consideraba da Costa da Morte, pero agora temos a dúas mulleres como son Antía Ameixeiras e Belem Tajes moi vencelladas por cuestións familiares, co cal increméntase ese sentimento e esa referencia. En calquera caso, xa dende o primeiro disco Son do ar as referencias a Costa da Morte, tanto sonoras como gráficas, sempre estiveron moi presentes nos nosos traballos. Moitas veces foi de xeito provocado e outras veces non.

-¿Como se presenta o verán para o grupo?

-Especialmente ben, probablemente sexa un dos mellores dos últimos 10 ou 15 anos porque temos previstas moitas actuacións con esta xira do 30.º aniversario que está tendo moito éxito. Xa dende hai anos en torno ao 80 % das actuacións que temos son fóra, pero desta vez contamos con un bo número de citas en Galicia e noutros sitios do Estado español. Ademais xa andamos coa preparación do novo traballo que esperamos que estea listo de cara a primavera deste vindeiro 2018. Hoxe [por onte] estamos en Narón e mañá imos para O Couto, así que todo moi ben.