«O Couto é a aldea máis parecida ao que nos gustaría que fose Ardebullo»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Hoxe (22.30) emítese o programa gravado no lugar pontecesá. É o último da tempada, mais foi o primeiro feito

26 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira tempada do programa «Buscando Ardebullo» chega hoxe ao seu fin. Ás 22.30 horas emitirase o capítulo rodado no Couto, en Ponteceso, logo de que xa puideran ver outros gravados na comarca, como o de O Ézaro ou o das Encrobas. Marcos Pereiro, Xosé Antonio Touriñán e Manolo Pereiro (pai de Marcos) son os tres condutores. Onte, os dous últimos falaron en Radio Voz Bergantiños.

-¿Como foi iso de empezar a buscar Ardebullo por Galicia?

-Touriñán: O primeiro programa que gravamos, aínda que sexa o último en emitirse, foi no Couto, esa foi a proba de fogo para que nos contratasen. Foi o primeiro por unha razón: son uns fenómenos. Teñen a festa máis grande das Letras. Monte Branco, a Fundación Pondal, o colectivo de V de Valarés botáronos unha man incrible. Foi tamén o primeiro porque criamos que O Couto é a aldea máis parecida ao que nos gustaría que fose Ardebullo. Só atopamos xente marabillosa, un montón de historias.

-Manolo: É unha aldea moi interesante. Atopamos de todo: xente, ovellas, cans... [ri] O sacristán, moi amable. Hai moito neno alí (gravaron durante o tempo de Escola de Verán) e tamén maiores que participan nas actividades.

-Touriñán: A unión dos veciños é algo que falta moitas veces agora, porque xa non se fan actividades colectivas. Pero no Couto séguea habendo grazas á parte cultural.

-¿Algunha anécdota de alí?

-Manolo: Eu dixen que rezaría para que non chovese no V de Valarés e choviu. Xa lles perdín perdón na gala.

-¿Que cren que queda claro entón do que alí gravaron ?

-Touriñán: Penso que o queda máis claro é a unión da xente de varias xeracións. O Couto é unha aldea pequena, pero na Escola de Verán había máis de 100 nenos da bisbarra. Un exemplo de que non fai falta ir a unha cidade para buscar un curso ou algo que facer no verán. Hai persoas marabillosas en todos os lugares porque, aínda que nós imos a sitios, as protagonistas son as persoas. Vemos na tele a persoas famosas contando cousas, pero a xente do día a día, a xente normal, anónima, ten historias. A gala foi das máis bonitas que fixemos, porque nos axudou o tempo e puidemos facela no exterior da Fundación, no adro.

-Manolo, ¿como foi iso de sumarse a Marcos e a Touriñán?

-Manolo: O máis liante foi Touriñán, pero eu encantado. É unha experiencia inolvidable. Sempre traballei na construción, non tiña nada máis, pero se é por axudarlle a eles, ben. Que vaia ben e que poidan ter un recordo de min.

-Touriñán: Incorporar a Manolo [que foi emigrante] é un punto a maiores. Apostar por un cabalo gañador. Aporta sabedoría, ademais de ter un sentido do humor extraordinario.

-¿Seguirán buscando Ardebullo?

-Touriñán: Oxalá por moito tempo. Parece que si, que estamos a piques de renovar. A ver para alá para outono...

-Manolo: Quedan en Galicia moitos pobos por percorrer.